O Choco e o Portonovo, duelo de perseguidores

▶ O Choco e o Portonovo mídense coa segunda praza de Preferente en xogo, mentres que o líder destacado, Villalonga, recibirá ao Antela
Unha acción do Portonovo - Choco da primeira volta. ANXO LORENZO
photo_camera Unha acción do Portonovo - Choco da primeira volta. ANXO LORENZO


A segunda volta de Preferente Sur principia cun partido estelar en Santa Mariña: o Choco recibe ao Portonovo (16:30 horas) coa intención de vingar a única derrota que sufríu no que vai de temporada e, de paso, ascender ao segundo lugar por primeira vez no curso. O conxunto arlequinado, que ocupa actualmente esa praza de privilexio que concede o ascenso ao remate do curso, intentará corrixir os seus erros da pasada fin de semana, cando perdeu de forma sorpresiva contra o Velle ourensán. 

O bloque adestrado por David Eirín demostrou ser quen do mellor e do peor nunha primeira metade de campionato na que, con todo, os puntos altos foron máis frecuentes cós baixos. Pola súa banda, o cadro redondelán amosouse como o máis regular da categoría, despois do líder. Só sufríu unha derrota e leva 16 partidos sen perder, pero abusa do empate. De aí os seus problemas e tardanza para alcanzar a zona nobre da táboa. Mentres redondeláns e portonoveses definen quen é segundo, o Villalonga recibirá en San Pedro (16:30) o Antela, bloque que reaccionou nos últimos partidos de 2023 para saír da zona de descenso. Iso si, no primeiro envite de 2024 os de Xinzo caeron, polo que seguen en terreo de risco. O Villalonga (seis triunfos seguidos, 13 xornadas sen perder) intentará confirmar o seu permanente estado de bonanza con outro triunfo diante da súa xente. 

Pola súa banda, o Céltiga desprázase a Ponteareas para medirse ao Areas (16:30) noutro enfrontamento directo da zona alta. Os de Luis Carro levan tres partidos sen gañar, pero manteñen intactas as súas opcións de alcanzar os postos de ascenso directo. Algo máis lonxe lle quedan ao Ribadumia, que recibe o Moaña na Senra (17:00). Os de Baptiste precisan rachar a súa xeira negativa cun triunfo fronte a un rival que, de vencer, o podería superar na clasificación. Situado na zona media da clasificación está o Juventud Cambados, que intentará sumar no seu desprazamento ao feudo do Velle (16:30) para afastarse definitivamente do terreo de descenso.