27 proxectos comarcais víronse beneficiados polas 'Subvencións Ágora'

Sanxenxo, Vilagarcía, Meis, O Grove, Meaño e Cambados, recentemente adherido á Rede de Concellos polo Espazo Público, son os concellos que solicitaron asesoramento para mellorar a súa calidade urbana    
(_LO_7628.JPG) Obras peatonalizacion Calle Arzobispo Lago
photo_camera As subvencions incluíron a peatonalización da rúa Arzobispo Lago de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

As Subvencións Ágora, axudas do departamento de Mobilidade e Espazo Público para que os concellos redacten proxectos para recuperar espazo público para as persoas potenciando as mobilidades activas sobre as motorizadas, teñen impulsado 27 propostas de mellora urbana no Salnés en apenas dous anos e medio. Sanxenxo, Vilagarcía, Meis, O Grove, Meaño e Cambados, recentemente adherido á Rede de Concellos polo Espazo Público, son os concellos que teñen apostado polo novo modelo de mobilidade e beneficiado da inxección económica , só quedando fóra o Concello de Vilanova de Arousa. 

Os proxectos en carteira para O Salnés

Na Comarca do Salnés, nestes dous anos e medio, concedéronse axudas ao Concello de Sanxenxo para a redacción do proxecto do soterramento do tráfico rodado para a humanización da plataforma superior do paseo da praia de Silgar na primeira convocatoria; para redactar a humanización das rúas Barrosa, Virxe do Carme e Infantería da Mariña, en Baltar, así como a humanización do núcleo do Outeiro, en Dorrón, na segunda convocatoria. Na última, pechada en decembro de 2022 e en fase de estudo, pediuse axuda para ampliar o Outeiro en Dorrón, para humanizar o núcleo de Padriñán, Magaláns, Aios, así como para a humanización na Granxa de Abaixo e facer unha senda peonil de baixada a Area de Agra. 
 
O Concello do Grove recibiu axuda na primeira convocatoria para redactar o proxecto de humanización da rúa Alexandre Bóveda e na segunda para a humanización das rúas Extremadura, Rioxa, Valencia e Entrehortas. 

O Concello de Meis recibiu subvención na primeira convocatoria para a humanización da contorna do CPI de Mosteiro, Capela de Mosteiro e as conexións coa Praza de España; mentres que na segunda para humanizar a contorna da igrexa de San Salvador, a avenida de Médico Paz (treito entre o campo de fútbol e o futuro centro médico, e os acceso á Casa de Parga e o núcleo de Rial ; e na terceira para a creación de sendas peonís na antiga po-300 e recuperación doutros espazos públicos.

O Concello de Meaño recibiu axudas  para o proxecto de acceso amable dende Ponte Dena ao bordo costeiro na primeira convocatoria. Na segunda para a senda peonil e ciclable por un tramo da rúa Ponte Dena-Abuín, e na terceira para un novo treito desta senda.

Vilagarcía de Arousa recibiu na primeira convocatoria 100.000 euros (o máximo) para as obras de humanización da rúa Arzobispo Lago. Na segunda convocatoria recibiu axuda para o proxecto de humanización da avenida da Mariña na contorna da Praza da Peixerí, para a humanización e mellora da accesibilidade na rúa Conde Vallecano, e para a recuperación da fachada marítima. Na última convocatoria concedeuse axuda para a humanización da rúa Bouza de Abaixo en Vilaxoán, para a peonalización e humanización da rúa Vicente Risco nun treito da Praza de España, e para a mesma actuación na rúa Esperanza. 

No caso de Cambados, a axuda da última convocatoria (xa que o concello non ten subvencións anteriores porque se adheriu á Rede Ágora nos últimos meses) irá destinada ao proxecto de mellora estética e funcional de enclaves turísticos no casco histórico.