O Concello retira a pasarela do Naval e recorda que foi financiada pola Xunta bipartita

O Goberno local bota en falla o pronunciamento do PP en cuestións como o conflicto da mexilla, a taxa ás planeadoras, os recortes en educación ou o desmantelamento da sanidade
Pasarela do Naval na Illa de Arousa. DS
photo_camera Pasarela do Naval. DS

O Concello de A Illa continúa ca retirada da pasarela do Naval, en avanzado estado de deterioro e que supoñía un risco para o tránsito peonil. Dende o Goberno local recordan que a construción da pasarela remóntase ao ano 2006 e foi financiada polo goberno bipartito de Pérez Touriño, cos fondos habilitados para resarcir os danos causados polo temporais daquel ano; unha intervención que naquel entón contou coa colaboración do Costas do Estado, administración coa que o Concello consensúa tamén a reforma a acometer agora neste mesmo entorno.

Por iso, dende o Goberno local afirman non entender as afirmacións do portavoz do Partido Popular poñendo en cuestión os investimentos realizados polas administracións socialistas na Illa e a modo de exemplo recórdanlle que as dúas sendas perimetrais insulares, que o portavoz popular coñece e percorre a diario, “foron íntegramente financiadas por Costas durante un mandato socialista”, ao igual que ocurríu coa reforma integral da Ponte de acceso “que o PP deixaba cair cando os ferros estaban xa ao aire e as xuntas de dilatación, rotas”.

Ao goberno local sorpréndelle, por tanto, que o portavoz da “procesión dos Caladiños” se pronuncie agora sobre os investimentos doutras administracións na Arousa e manteña "silencio absoluto" sobre cuestións como “o conflicto da mexilla, a taxa as planeadoras, os recortes en educación ou o desmantelamento da Educación” e non sexa quen de pedirlle explicacións ás administracións gobernadas polo seu partido sobre “a desfeita da PO-307, o estado do vial ao Xufre ou a carencia de carril bici”. E pídelle ao PP local, e ao seu actual portavoz, “que sexa quen de defender os intereses da Arousa aínda que solo sexa en ano electoral”.

Luis Arosa, concelleiro de Servizos, asegura non entender “como foi capaz de sorrirlle á presidenta de Portos cando veu á Arousa a reírse de nós dicindo que o Paseo do Cantiño era seguro. Daquela estivo caladiño, non se atreveu a reclamar un investimento que é de xustiza; nin abre a boca agora para que Portos reciba ao Concello, que levamos máis de dous meses esperando por unha cita sen obter resposta, sin que eso sexa unha preocupación para o PP local”, sentencia.