Unha aportación de 293.461 euros da Deputación permite mellorar a seguridade na EP 9801

A actuación, no vial Ponte-A Laxes, consiste na sustitución da capa de rodadura e na construcción de pasos de peóns sobreelevados
Avenida da Ponte A Illa de Arousa. GSV
photo_camera Os traballos afectarán ao acceso ao centro do municipio. GSV

O Concello de A Illa avanza na humanización da súa rede viaria cun novo proxecto de mellora da seguridade na EP 9801 Ponte-A Laxes, unha actuación financiada pola Deputación de Pontevedra e que sairá a licitación por 293.461,64 euros.

Esta actuación, nunha estrada que vertebra o termo municipal de A Illa de Arousa, mellorará a calidade do tráfico no principal vial de acceso ao centro do municipio e que entronca co obra de recuperación de espacios e mellora da mobilidade peonil na Avenida Castelao, que está en execución e ten un orzamento de 1.160.220,16 euros.

Segundo explica Luis Arosa, concelleiro de Servizos, o proxecto inclúe a reparación da estrada mediante a execución de saneos e fresado dunha franxa lateral da capa de rodadura existente. Posteriormente, procederase á aplicación dun tratamento superficial e a reposición do firme existente mediante a extensión dunha capa de formigón bituminoso en quente. Contará tamén con pasos de peóns sobreelevados. Finalmente, repoñerase a sinalización horizontal e vertical, imprescindible para garantir unha boa calidade da seguridade viaria, tanto para o tráfico rodado como para os viandantes.

As obras foron aprobadas pola Deputación Provincial na xunta de goberno celebrada esta mañán e contarán cun prazo de execución de tres meses a contar desde a adxudicación das mesmas.