A Festa do Albariño contará este ano cunha furgoneta morada para previr e atender posibles agresións

Maica Larriba presidiu a Xunta Local de Seguridade que tivo lugar en Cambados, e que se centrou en definir as medidas para a multitudinaria cita, que incluirá controis terrestres e aéreos
Samuel Lago e Maica Larriba presidiron a Xunta Local de Seguridade en Cambados. DS
photo_camera Samuel Lago e Maica Larriba presidiron a Xunta Local de Seguridade en Cambados. DS

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu durante a mañá deste venres a Xunta Local de Seguridade en Cambados, xunto o alcalde da localidade, Samuel Lago. O tema principal do encontro tivo relación coa celebración da súa tradicional Festa do Albariño que se celebra do 2 ao 6 de agosto, e que, tal e como anunciaron, este ano contará cunha furgoneta morada, que servirá como punto de información, asesoramento e axuda ante calquera tipo de agresión. A caravana morada contará con dúas profesionais, unha traballadora social que informará á cidadanía sobre os distintos recursos e unha psicóloga que atenderá consultas, realizará acompañamento a posibles vítimas ao Centro de saúde, ou ofrecerá atención psicolóxica ante posibles incidencias.

Neste sentido, Maica Larriba quixo destacar o compromiso do alcalde, Samuel Lago, a prol da igualdade e a loita contra a violencia de xénero neste evento de interese turístico internacional e demandou aos asistentes “desfrutar dos festexos con responsabilidade”, agardando que “sexan unhas magníficas festas do Albariño 2023”.

A xuntanza, á que tamén asistiu o coronel xefe provincial da Garda Civil, Simón Venzal, e outros reponsables da Policía Local e da seguridade municipal, centrouse en promover e coordinar todas as medidas encamiñadas a garantir a seguridade no Concello durante o desenvolvemento dos actos desde multitudinario evento que chega á súa LXXI edición.

As accións que se van levar a cabo por parte dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado pasan pola posta en marcha de controis de circulación e operativos especiais nos accesos a Cambados, contando para iso de medios terrestres e aéreos e pola activación de controis de alcoholemia e drogas que sirvan de prevención pola posible falta de responsabilidade dalgúns condutores. Estas medidas servirán de apoio ás desenvolvidas pola Policía Local.