A Festa do Albariño suma a Belén Aguilera e Stay Homas a un programa con máis de 50 eventos

Cambados celebrará a LXXI edición da súa festa máis famosa entre o mércores 2 e o domingo 6 de agosto, con 41 casetas e 54 bodegas no Túnel do Viño ▶  A compañía de teatro Caracol será a encargada do pregón 
Presentación da Festa do Albariño no Concello de Cambados. DS.
photo_camera Presentación da Festa do Albariño no Concello de Cambados durante a xornada deste mércores. DS

Cambados acolle un ano máis distintas actividades "para todos os tipos de públicos" na LXXI edición da Festa do Albariño, que contará con máis de 50 eventos dende o vindeiro día 2 de agosto, e á que se sumarán as actuacións de Belén Aguilera e Stay Homas como atractivos dun cartel no que xa se anunciara previamente a presenza de Justin Quiles, Zahara e Lontreira. O alcalde, Samuel Lago Ozón, presentou este mércores a famosa festa á que se desprazarán decenas de miles de persoas de toda Galicia e de España, "e incluso estranxeiros". "Este ano volvemos ao formato tradicional na duración máis tradicional, dende o mércores día 2 ata o domingo día 6 de agosto", despois de que o ano pasado se conmemorara a LXX edición, recalcou o alcalde. 

Nesta ocasión será a compañía de teatro Caracol a encargada de ler o pregón o vindeiro día 2 na Praza do Concello (13.00 horas), para celebrar os seus 30 anos de actividade. 

O Paseo da Calzada contará con 41 casetas de viño nas que se poderán degustar os produtos da Denominación de Orixe Rías Baixas. Estas estarán abertas dende o mércores ata o domingo ao mediodía e pecharanse ás 3.00 horas. Repartiranse un total de 35.000 cataviños e, en canto ás foodtrucks, que serán outro dos atractivos da festa, atoparanse na parte exterior deste paseo. Se ben o ano pasado había oito, este ano ampliarase a oferta ata 12 propostas. No Salón Peña funcionará o Túnel do Viño que, lembrou Lago, é un evento "para un público máis especialista e técnico". Neste caso, haberá 54 bodegas e 101 mostras. A cata comezará o xoves ás 11.30 ata as 15.30 horas, con dous turnos de dúas horas, e pola tarde de 17.30 ata as 21.30 horas. O sábado só estará dispoñible pola mañá.  

Pola súa banda, o secretario do Consello Regulador, Ramón Huidobro, destacou a participación de 55 bodegas na tradicional Cata, que comezará o xoves, día 3, a partir das 10.00 horas no Parador de Cambados. O venres 4 terá lugar a Cata Derradeira, onde se escollerán os tres primeiros clasificados, para o que se contará cun grupo de 12 catadores "de todos os perfís do mundo da etnoloxía, xornalistas ou catadores de Estrelas Michelín". O sorteo para elixir as bodegas que estarán nos stands será o vindeiro día 27 de xullo en ExpoSalnés.

CONCERTOS E EVENTOS.  Dende o Concello de Cambados explicaron que todos os eventos son de balde excepto as actuacións xa anunciadas de Justin Quiles (3 de agosto) e de Zahara xunto con Lontreira (4 de agosto), que terán un custe de 10 e 7 euros respectivamente (sen comisión engadida). A estas súmanse agora as actuacións de balde de Stay Homas (5 de agosto) e Belén Aguilera (2 de agosto) e a inauguración da Festa a cargo de Luar da Lubre (1 de agosto). Tamén haberá verbenas e diferentes actuacións todos os días, como a da orquestra Los Satélites o mércores 3 na Praza do Concello ou diferentes DJs durante as xornadas do venres e do sábado, coa Nortada Electrónica e outras localizacións, a partir das 23.00 horas.

Se ben o programa da festa inaugurarase o mércores nos stands, "o día do Pé de Cuba, que é o día anterior do inicio da festa, haberá un evento de carácter infantil e un concerto de inauguración de Luar da Lubre", explicou o tenente de alcalde, Tino Cordal.

As actividades lúdicas repartiranse por toda a vila. "Haberá actividades dende a xente máis moza para todos os gustos musicais e para a xente máis maior, con verbenas por distintos puntos da vila", lembrou Cordal. "Desexamos que todo saia segundo o formulamos e que discorra todo coa maior tranquiliade posible. Imos reforzar a seguridade cun incremento dos turnos e con membros da Policía Local doutras localidades", comentou o alcalde, quen tamén sinalou que se levará a cabo un reforzo dos distintos dispositivos de emerxencias e do servizo de limpeza das rúas.

CORTES DE TRÁFICO. O tráfico cortarase o mércores na Avenida de Vilariño e no semáforo da Avenido do Salnés. Este corte durará ata o domingo día 6 que porá fin á festa. Ademais, cabe destacar que haberá oito módulos de aseos nas casetas do Paseo da Calzada, mentres que no resto dos lugares da festa instalaranse 50 baños químicos.