O Concello de Cambados non poderá reformar o Punto Limpo ao incumprir o Plan Parcial

O Goberno local manifestou que "a neglixencia do PP obriga a ter que desistir dos proxectos" para a mellora e ampliación das instalacións, e posiblemente incluso proceder ao seu peche
Samuel Lago, alcalde de Cambados. DS
photo_camera Samuel Lago, alcalde de Cambados. DS

O Concello de Cambados vén de descubrir, ao tramitar unha subvención, que o Punto Limpo Municipal, en funcionamento dende o ano 2005, incumpre a legalidade urbanística.

Segundo explicaron dende o Goberno local, "a neglixencia do Goberno do PP na aplicación do Plan Parcial para o desenvolvemento do Polígono de Sete Pías obriga ao Concello a ter que renunciar a unha subvención de 80.000 euros concedida pola Consellería de Medio Ambiente para a ampliación e mellora do espazo e creación dun peche perimetral e un novo espacio de intercambio de enseres".

Segundo o informe emitido polo arquitecto técnico municipal, o solo onde se ubican as obras está clasificado dentro do Plan Parcial de desenvolvemento da urbanización industrial de Sete Pías aprobado o 10/08/1999, como “solo para espazos libres públicos e zonas verdes, regulado pola ordenanza 3 do Plan Parcial".

Por tal motivo, as obras proxectadas, consistentes na demolición do peche existente e ampliación mediante execución dun novo sistema de peche do Punto Limpo, así como construcción de espacio para intercambio de enseres "non se axustan ás obras permitidas pola ordenanza e non son admisibles por non axustarse á Ordenanza 3 do Plan Parcial", conclúe o informe.

O alcalde Samuel Lago expresou a súa preocupación xa que, ademáis de ter que renunciar á subvención concedida, a situación de alegalidade do Punto Limpo implicará, previsiblemente, "ter que proceder ao seu peche e buscar unha ubicación alternativa no caso de non ser posible a legalización, pois ao tratarse de unha zona verde, a infracción urbanística non prescribe".

"É unha consecuencia máis de esa forma de gobernar irresponsable da que tanto presume a actual voceira do PP, e que se suma a outros casos de obras mal executadas en mandatos do seu partido, despilfarrando o diñeiro público, como nas rúas sen saneamento ou en algunhas instalacións deportivas", indicou o rexedor, quen tamén sinalou que "non descartamos que, de tratarse de un delito ambiental, poidan existir responsabilidades civís e ata penais”

Cabe recordar que o Punto Limpo foi inaugurado en agosto de 2001 polo daquela conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, Carlos del Álamo, e o alcalde de Cambados, José Manuel Cores Tourís. Sen embargo, non puido entrar en funcionamento ata catro anos despois debido á falta de accesos ás instalacións. Actualmente, o Goberno local proxectaba unha notable renovación nas instalacións coa creación dun servizo de reparación de obxectos que permitisen a súa reutilización.