O BNG de Sanxenxo reclama a recuperación do servizo estival de conciliación

Para o voceiro nacionalista, Fran Leiro, a prestación suprimiuse "hai máis dun lustro, sen dar ningún tipo de explicación"
Unha actividade do antigo programa. CEDIDA
photo_camera Unha actividade do antigo programa. CEDIDA

O grupo municipal do BNG de Sanxenxo reclamou ao alcalde, Telmo Martín, a recuperación do antigo programa coñecido como Paifillonai, unha ludoteca de verán dirixida a nenas e nenos de entre tres e 12 anos que se desenvolvía nas instalacións do CEIP Portonovo.

Para o voceiro nacionalista, Fran Leiro, a prestación suprimiuse "hai máis dun lustro, sen dar ningún tipo de explicación", se ben "é indispensable para moitas familias de Sanxenxo, nunha época estival na que unha gran proporción da nosa poboación traballa e vive de sectores como a hostalería, a restauración e o turismo en xeral", manifestou Leiro.

"Funcionou moi ben, como demostra o feito de que nos últimos anos do programa, co tripartito no Goberno e coa xestión da área de Benestar Social que realizou a nosa compañeira Sandra Fernández Agraso, cubríanse sempre o 100% das prazas ofertadas", recorda o voceiro nacionalista. "A Telmo Martín gústalle presumir de potencial turístico, pero despois esquece ofrecer servizos á altura do que precisan os veciños e veciñas de Sanxenxo". Neste sentido, ao BNG parécelle de moita gravidade "a merma de servizos básicos por parte do Goberno local desde o retorno de Telmo Martín á Alcaldía. A política de recadación a través de subas de impostos e os intentos de aplicación de novas taxas, como o 'decretazo' dos vados, vai destinada exclusivamente a poder pagar o incremento dos soldos do equipo de Goberno e todo o formigón e cemento que tanto caracteriza ao señor Telmo Martín e que xa nos costou millóns de euros en sentenzas xudiciais", criticou Fran Leiro.