O IES Ramón Cabanillas de Cambados celebra os seus 50 anos rememorando a súa historia

O centro acollerá cada mes unha charla por parte de alumnos e alumnas actuais e antigas, coma a deputada e Vicepresidenta Segunda do Parlamento Galego, Montse Prado, ou o presidente do Consello Consultivo de Galicia, José Luis Costa
O IES Ramón Cabanillas de Cambados. DS
photo_camera O IES Ramón Cabanillas de Cambados. DS

O IES Ramón Cabanillas de Cambados acada medio século de historia e, para conmemorar esta significativa data, levará a cabo un repaso polo que foi a ensinanza no centro a través de alumnos e alumnas actuais e antigas, dentro dunha serie de actividades que se levarán a cabo cada mes, enmarcadas dentro da ampla programación prevista.

As e os antigos alumnos que achegarán ao centro as súas vivencias, son persoas que na actualidade desenvolven o seu labor profesional en diversos ámbitos, ou que co tempo teñen adquirido relevancia social ou cultural. Deste xeito, o mércores día 14 celebrarase a primeira desas actividades, e nela participarán seis persoas que estudaron no Ramón Cabanillas en distintas épocas, e que durante un tempo tiveron ou teñen responsabilidades de relevancia na actividade política e institucional, tanto a nivel comarcal como a nivel galego.
 
As persoas convidas son: Luis Aragunde, ex-alcalde de Cambados; José Luis Costa, Presidente do Consello Consultivo de Galicia; Salomé Peña, ex-alcaldesa de Ribadumia; Montse Prado, deputada e Vicepresidenta Segunda do Parlamento Galego; e Manuel Vázquez, ex-alcalde da Illa de Arousa. Todos e todas participarán nunha Mesa Redonda moderada por Constantino Cordal, tenente alcalde de Cambados.
 
O obxectivo, tal e como explican desde o centro, é poder coñecer as lembranzas que teñen do seu paso polo instituto, descubrindo anécdotas ou experiencias dos seus anos de estudantes, e que poidan descubrir ao alumnado actual as pegadas que deixou o Ramón Cabanillas nas súas vidas, tanto no seu itinerario vital como no formativo e profesional. A Mesa Redonda é de asistencia aberta á cidadanía e celebrarase no Salón de Actos do Centro o mércores 14 a partir das 19.00 horas.