Concello e Costas acordan desbloquear o Plan Especial do Porto cunha comisión técnica

O alcalde, Samuel Lago, abordou tamén con responsables estatais a desafectación dos terreos do Pombal e a creación dunha senda litoral entre o Muiño da Seca e o Porto de Tragove
Samuel Lago, alcalde de Cambados. DS
photo_camera Samuel Lago, alcalde de Cambados. DS

O alcalde de Cambados, Samuel Lago, mantivo na mañá deste mércores un encontro por videoconferencia con responsables de Costas do Estado co fin de buscar o desbloqueo de varios asuntos dependentes da administración estatal.

A reunión, celebrada coa Directora General de la Costa y del Mar, Ana Maria Oñoro, e coa Subdirectora do departamento, Ainoa Pérez, “foi fructífera dado o bo entendemento que percibín por parte das responsables de Costas ante as nosas demandas”, indica o alcalde.

No encontro tratáronse tres temas de urxencia para o municipio. Por unha banda, axilizar a solicitude de desafectación dos terreos que acollen as instalacións deportivas de O Pombal para que o Concello poida asumir a súa titularidade unha vez rematado o período de concesión e  acometer as reformas necesarias, especialmente no pavillón e no campo de fútbol. A resposta de Costas foi que se trata dun trámite longo que  tratarán de axilizar.

“En principio dende Pontevedra o informe será favorable, dependendo da valoración final que se faga en Madrid. En todo caso, será finalmente o Ministerio de Hacienda o departamento estatal encargado da tramitación última de desafectación”, explica Lago.

Unha nova senda litoral

Ademais, o rexedor solicitou a Costas un investimento que permita a creación dunha senda litoral dende o Muińo de A Seca ata o Porto de Tragove. Unha proposta que o departamento estatal ve factible e que posibilitaría un circuito sobre o Paseo da Seca evitando a confluencia por riba da presa.

“A senda, con pasarelas, teria unha lonxitude de 650 metros e no Concello xa temos un orzamento para executar o proxecto, en gran parte con pasarelas, cun custe duns 500.000 euros”, sinala Lago.

Comisión mixta técnica para o Plan Especial do Porto

O último asunto abordado no encontro, o informe de Costas sobre o Plan Especial do Porto redactado por Portos de Galicia, “ainda non está informado en Madrid pero si recibiron o informe de Pontevedra, que non é desfavorable pero tampouco é favorable", explica, xa que hai elementos solicitados no informe anterior de Costas que non se consideran suficientemente xustificados ou non están acreditados en detalle.

Ante esta situación, Lago propuxo a creación dunha comisión mixta técnica, non política, con participación de Portos de Galicia, Costas do Estado e Concello de Cambados “que canalice dunha vez por todas o Plan Especial para que o sector mar industria poida acometer os plans de ampliación e o Concello poida executar as obras da nova plaza de abastos”

As responsables de Costas amosáronse favorables á creacion desa comisión polo que o alcalde de Cambados contactará nos proximos días con Portos de Galicia para facer posible a súa constitucion.