Vilagarcía inaugura a tempada teatral de outono cun clásico de Ándersen

Caramuxo Teatro levará ao Auditorio 'A nena que vivía nunha caixa de mistos' o vindeiro sábado, unha obra pensada para o público familiar
Caramuxo Teatro durante unha actuación. DS
photo_camera Caramuxo Teatro durante unha actuación. DS

A nena que vivía nunha caixa de mistos, unha homenaxe ao clásico de Hans Chistian Ándersen inaugurará a tempada teatral de outono o vindeiro sábado no Auditorio de Vilagarcía (18.00 horas), nunha cita pensada para o público familiar a cargo de Caramuxo Teatro, coincidindo co inicio do curso escolar.

O primeiro dos espectáculos programados pola Concellería de Cultura está inspirado no conto A vendedora de mistos, e é a terceira pata da triloxía sobre os contos populares que Caramuxo comezou con As fabas máxicas, continuou con Feo (Premio María Casares ao Mellor Espectáculo Infantil) e remata agora con esta nova montaxe.

Trátase dunha proposta de teatro de actriz e monicreques case sen palabras que lembra ás películas clásicas en branco e negro. Ademais, conta con música en directo e unha coidada posta en escea, cunha linguaxe contemporánea e multidisciplinar que trata o tema da pobreza infantil e a orfandade, máis cunha mensaxe positiva sobre o poder do cambio.

A entrada xeral para as asistir á función custa cinco euros, e a infantil (ata 13 anos), tres euros, o mesmo prezo que para os colectivos bonificados (maiores de 65 anos, titulares do carné xove e desempregados). Os billetes poden adquirirse anticipadamente a través de www.ataquilla.com (máis custes de xestión). De non esgotarse antes, tamén se porán á venda o mesmo día da función na billeteira do Auditorio a partir das 16.00 horas.