O PSdeG-PSOE esixe á Deputación a reapertura da oficina de turismo na Armenteira

Ana Laura Iglesias recorda ao presidente da Deputación que se comprometeu á reapertura da oficina en canto a igrexa estivera aberta ao público e insta a López a cuantificar “este dispendio de desmantelar o local para ter que volver a abrilo en menos dun mes”
Mosteiro da Armenteira Javier Mougán, Marta Giráldez e Ana Laura Iglesias
photo_camera Javier Mougán, Marta Giráldez e Ana Laura Iglesias no Mosteiro da Armenteira. DS

“O goberno da Deputación só acerta cando rectifica e no caso da Oficina de Turismo de Armenteira só lle queda iso, rectificar”. Así se pronunciou a portavoz do Grupo Provincial do PSdeG-PSOE, Ana Laura Iglesias, tras coñecer a decisión do Arzobispado de abrir ao público a Igrexa do Mosteiro de Armenteira, “o que obriga directamente ao presidente de Deputación de Pontevedra a cumprir coa súa palabra e reabrir de forma inmediata a Oficina de Turismo que pecharon e desmantelaron con nocturnidade e alevosía”.

Ana Laura Iglesias citou textualmente a Luís López cando, tras a denuncia do Grupo Socialista e do Concello de Meis, contestou ás preguntas dos medios de comunicación sobre o peche dunhas das oficinas de Turismo máis importantes da provincia. “Dixo claramente que a Oficina volvería cando a Igrexa reabrira as súas portas co que xa non ten máis escusas porque está preso das súas palabras”. A portavoz tamén instou a que, “despois desta lamentable actuación, esiximos que o presidente explique con transparencia o dispendio que supuxo o desmantelamento da Oficina e o coste de ter agora que volver a abrila en menos dun mes”.

Iglesias lembrou que a Oficina do Mosteiro é unha das tres instalacións icónicas que xestiona directamente a Deputación, que ostenta as Q de calidade que a converten nunha referencia en atención ás e aos visitantes, cumprimento dos estándares e procedementos, e que en xaneiro recolleu en Madrid o propio goberno de López. O local estaba completamente transformado e dixitalizado polo goberno anterior co proxecto europeo Tourist Inside, que a dotou de todas as novas tecnoloxías para a inclusión e accesibilidade e de información ao turismo.