Varela salienta a rápida actuación dos servizos municipais para combatir as inundacións

As labores preventivas realizadas en outono e as melloras no saneamento levadas a cabo en cada proxecto de accesibilidade e humanización evitaron máis danos ▶ O alcalde compartiu impresións cos comerciantes das rúas do centro que se viron más afectadas polas trombas de auga

As inundacións repartíronse por toda a cidade. PP VILAGARCÍA
photo_camera As inundacións repartíronse por toda a cidade. PP VILAGARCÍA

A excepcionalidade da situación vivida esta mañá en Vilagarcía e municipios da contorna debido ás chuvias torrenciais rexistradas fixo que o alcalde, Alberto Varela, delegase a presidencia da Xunta de Goberno que se celebra os luns, co obxecto de ir a visitar as zonas máis afectadas polas inundacións e intercambiar impresións cos veciños e comerciantes. O rexedor interesouse pola situación particular de cada caso e ofreceu a colaboración do Concello na medida do posible, informando demais do dispositivo levado a cabo polos servizos municipais dende a madrugada para garantir a seguridade da cidadanía e lograr que Vilagarcía recuperase a normalidade coa maior brevidade.

Acompañado da tenente de alcalde, Tania García, e do concelleiro de Seguridade Cidadá, José María González, o alcalde percorreu as principais rúas comerciais do centro da cidade: Rey Daviña, Praza de Galicia, Castelao, Arcebispo Lago, Arcebispo Andrade, Covadonga, Conde Vallellano e Avenida da Mariña, parando con varios veciños e en varios establecementos comerciais.

Varela explicou que a situación vivida esta mañá "foi excepcional", xa que en moi pouco espazo de tempo se concentraron chuvias torrenciais de forma continuada en toda a franxa costeira, ocasionando graves inundacións en todos os municipios da zona. Comentou os 57 litros por metro cadrado de auga acumulados en Vilagarcia dende as doce da noite ata as dez da mañá, pluviosidade que se concentrou especialmente entre as seis e as nove da mañá, coincidindo coa pleamar. Estas dúas circunstancias, unidas á orografía plana e ás particularidades de Vilagarcía foron a causa de que as redes de recollida de pluviais se viran colapsadas e a auga buscase saída cara a superficie, anegando as rúas.

Malia isto, o alcalde salientou a eficacia do dispositivo municipal posto en marcha con motivo da alerta amarela, cos servizos de emerxencias e Policia actuando xa de madrugada e coa incorporación a partir das sete da mañá do persoal de Obras, Media Ambiente, Xardíns Alumeado e Deportes. As labores de prevención levadas a cabo dende inicio do outono no que a limpeza de canalizacións e tragantes se refire, xunto coas melloras, ampliación e separación das redes de saneamento e pluviais executadas nas diferentes obras realizadas nas vías públicas, foron outros dos aspectos que influíron positivamente nesta pronta volta á normalidade.

En canto a Fexdega, as instalacións permanecen abertas con total normalidade esta tarde para a celebración do Fexturrón. A única zona que se veu afecta da pola auga e que permanecerá uns días sen poder utilizarse é a das canchas deportivas, que deberán secar ben antes de poder volver a seu utilizadas para a práctica deportiva. Os pavillóns de Fontecarmoa e Castelao tamén recuperan a normalidade a partir desta tarde.