O sábado poranse á venta os últimos 250 bonos 'Son da Casa!'

A venta online está bloqueda dende onte ao terse esgotado os packs postos a disposición polo Concello para a campaña de Nadal 22 ▶ A venta física terá lugar pola mañá no Mercado de Nadal
Moto Bazar é un dos establecementos adscritos a 'Son da Casa!'. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Moto Bazar é un dos establecementos adheridos a 'Son da Casa!'. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A campaña de Nadal dos bonos Son da Casa! deste ano tivo unha moi boa acollida, xa que os 3.750 packs postos á venta o pasado 3 de decembro, esgotáronse onte, en tan só 12 días, o que demostra, de novo, o acerto da iniciativa municipal e do esperada que é tanto polos cidadáns como polo comercio e a hostalaría locais. A Concellería de Promoción Económica xa tiña reservados 250 lotes de bonos con anterioridade a que se esgotaran na venta online, co obxecto de realizar a ultima venta física na Praza da II república. Será este sábado, 17 de decembro, a partir das 11.30 horas na caseta habilitada no Mercado de Nadal. Para poder adquirir os bonos, é necesario ser maior de idade e presentar o DNI. Cada persoa só pode adquirir un máximo de 2 packs.

O Concello de Vilagarcía creou os bonos subvencionados para incentivar o consumo no comercio e hostalería local e dinamizar a economía da cidade tras os efectos negativos causados a consecuencia da pandemia. A este obxectivo inicial súmase agora o de botar unha man aos consumidores cunha pequena axuda para afrontar mellor a escalada xeneralizada dos prezos. Os bonos da actual campaña poderán utilizarase ata 16 de xaneiro, co obxecto de que se poidan usar nas compras e consumicións de Nadal e tamén no inicio da campaña de rebaixas.

Como nas anteriores edicións, pagando 20 euros os cidadáns poderán adquirir un lote de bonos cos que poderán realizar compras por importe de 30, grazas aos 10 euros que aporta o Concello. Cada lote consta de dous vales de 10 euros e outros dous de 5, que se poderán gastar nos establecementos adheridos á campaña. O abano de posibilidades para usar os bonos é moi amplo, xa que participan na iniciativa negocios das máis variadas ramas: alimentación madeira, música, téxtil, xoierías, zapaterías, agasallos, florerías, deportes, perruquerías, decoración, clínicas de fisioterapia, librarías, ferraxerías, complementos, paxareiras, papelerías, perfumerías… Son máis de 200 que se poden identificar co distintivo exposto nos escaparates. O listado tamén se pode consultar na propia web www.sondacasa.vilagarcia.gal.