A exposición sobre os 50 anos da casa de Rosalía de Castro, visible en praza Ravella

A mostra, dispoñible ata o 26 de febreiro, fai un repaso pola historia do museo que fora a residencia da poetisa galega
Exposición A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera A exposición está visible na praza Ravella, fronte a Casa Consistorial. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía inaugurou esta mañá na Praza da Ravella a exposición A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía na que se repasa a historia deste museo e se lembra o fito que supuxo en pleno franquismo conseguir mercar, restaurar e musealizar o inmoble no que residiu a poetisa de Padrón. Alberto Varela visitou a mostra na compaña do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e da concelleira de Cultura, Sonia Outón. A exposición a ceo aberto instalada diante do Concello pode visitarse ata o 26 de febreiro.

A mostra comisariada por Pepe Barro -tamén autor da museoloxía da Casa Museo- fai un repaso pola historia do centro, que se abriu ao público o 15 de xullo de 1971, en pleno franquismo, grazas á colaboración de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. A semente para acadar este logro púxoa o Padroado Rosalía, creado en 1947. O organismo converteuse en refuxio do galeguismo con actos como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación da cultura e identidade do país. E nese contexto foi medrando a idea de recuperar a casa que habitou a autora de Cantares Galegos, un proxecto impulsado pola vontade popular ao que nin sequera o franquismo puido deter.