Ravella desenvolve unha xornada para mellorar a seguridade viaria en Veiga do Mar

A tenente de alcalde e a edil de Mobilidade xunto cos técnicos de GEA 21 reuníronse cos representantes da asociación de veciños, Confraría de Pescadores e empresarios
Ravella desenvolve unha xornada para mellorar a seguridade viaria en Veiga do Mar
photo_camera Imaxe do encontro celebrado este xoves en Vilaxoán. DS

O goberno local de Vilagarcía desenvolveu unha xornada participativa coas forzas vivas de Vilaxoán para mellorar a seguridade viaria na rúa Veiga do Mar. A actividade celebrouse na tarde deste xoves no centro socio cultural e deportivo do Preguntoiro coa presenza da tenente de alcalde, Tania García, a concelleira de Mobilidade, Paola María, e técnicos da empresa GEA 21, redactora do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS). 

A realización desta actividade de participación segue a liña das sesións da Mesa da Mobilidade celebradas o ano pasado para a posta en común coa veciñanza e cos grupos da oposición dos aspectos a ter en conta de cara á redacción do PMUS. Precisamente, foi na sesión desenvolvida en Vilaxoán, cando se puxo de manifesto a necesidade de actuar en Veiga do Mar para reducir a perigosidade dunha vía estreita, que carece de beirarrúas e que é moi transitada polos camións dos cocedoiros de marisco e empresas situadas na zona. Naquel momento, incluso se chegou a facer unha visita á rúa cos técnicos de GEA 21.

A reunión serviu para abordar o asunto en concreto, poñer en común as necesidades da vía, as posibilidades existentes e as medidas a adoptar para resolver os principais problemas e garantir a seguridade viaria. En base a isto, os técnicos de GEA 21 redactarán o proxecto de obra.