O PP propón reforzar os xulgados coa creación de tres novas prazas de tramitación procesual

O candidato número un do Partido Popular ao Parlamento de Galicia pola  Coruña, Diego Calvo, lembrou que a petición conxunta da Xunta e o TSXG ao Goberno central incluía un cuarto xulgado mixto para Vilagarcía, que non foi atendida
Diego Calvo xunto a Raúl Santamaría, Ana Granja e outros militandes do Partido Popular PP. DS
photo_camera Diego Calvo xunto a Raúl Santamaría, Ana Granja e outros militandes do Partido Popular na reunión celebrada en Vilagarcía. DS

O candidato número un do Partido Popular ao Parlamento de Galicia pola provincia da Coruña, Diego Calvo, e o número sete pola provincia de Pontevedra, Raúl Santamaría, xunto coa portavoz local, Ana Granja, e a corporación local de Vilagarcía, mantiveron este luns unha reunión con avogados e procuradores do partido xudicial para coñecer as súas demandas. 

Durante o encontro, Diego Calvo anunciou que debido á decisión do Ministerio de Xustiza de non incluír este ano un cuarto xulgado para Vilagarcía de Arousa nas unidades concedidas a Galicia, proporase ao Goberno central que valide a creación de tres prazas de funcionarios de Administración de Xustiza do corpo de tramitación procesual nos tres xulgados de Primeira Instancia e Instrución do concello. En concreto, unha praza en cada un dos tres xulgados. As novas prazas sumaríanse aos 5 funcionarios de reforzo -3 no xulgado de Primeira Instancia número 1, outros 3 no número 2 e 1 no número 3- nomeados como medida temporal para aliviar a carga de traballo.

O candidato autonómico pola provincia da Coruña lembrou que o cuarto xulgado para Vilagarcía ía incluído na relación de unidades xudiciais que a Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) trasladaron prioritarias para a comunidade ao Ministerio de Xustiza, se ben non figura nas tres unidades outorgadas finalmente á comunidade. 

Asistencia xurídica gratuíta

Ademais, trasladou aos avogados e procuradores presentes na reunión deste luns que Galicia é unha comunidade que paga pronto e puntualmente aos colexios que representan a estes profesionais as certificacións polo servizo de asistencia xurídica gratuíta. Pese a tratarse dunha competencia estatal -asegurou-, a comunidade galega é unha das que maior retribucións presta pola quenda de oficio a través dos convenios co Consello da Avogacía Galega e do Consello Galego dos Procuradores. De feito, os baremos do convenio actual vixente ata 2025 medraron nun 15% de media e xa se está a traballar no seguinte acordo para incluír novos conceptos e incrementos. 

Novo xulgado

Pola súa parte, Raúl Santamaría, sinalou directamente ao Partido Socialista como os culpables de que Vilagarcía continúe sen dispoñer dun cuarto xulgado. O candidato vilagarcián sinala que “o goberno de Vilagarcía defende os intereses do seu partido por riba das necesidades da nosa cidade”. Como engade Santamaría, “o equipo de Alberto Varela demostra que para eles o cuarto xulgado de Vilagarcía non é unha prioridade”. Lembrando que no pasado pleno votaron en contra dunha moción para instar ao goberno central a que priorice o cuarto xulgado de Vilagarcía. Ambos candidatos comprometéronse a construír o novo edificio en caso de que o Ministerio de xustiza conceda o cuarto xulgado e que o concello poña a disposición da Xunta os terreos. 

O candidato número 7 de Pontevedra destacou que o aumento das  unidades xudiciais permitirá mellorar un servizo moi necesario para a cidade. Finaliza asegurando que “confiar no Partido Popular e en Alfonso Rueda significa ter un goberno na Xunta que fará todo o posible para que Vilagarcía consiga o cuarto xulgado”.