Vilagarcía apura os últimos días para anotarse nos actos do Entroido

O prazo de inscrición no Festival de Comparsas remata ás 13.30 horas do mércores 7 de febreiro ▶ Os interesados en participar no Desfile de Disfraces e Carrozas poderán anotarse ata ás 13.30 horas do venres 9
Entroido Vilagarcia de Arousa_Desfile de Disfraces
photo_camera Entroido do ano 2023 en Vilagarcia. DS

A Concellería de Cultura informa de que esta semana rematan os prazos para inscribirse nos actos do Entroido de Vilagarcía organizados polo Concello. En concreto, as agrupacións interesadas en participar no Certame de Comparsas dispoñen ata as 13.30 horas do mércores, 7 de febreiro, para formalizar a inscrición. Pola súa banda, para participar no Desfile-Concurso de Disfraces e Carrozas contarán con dous días máis para facer o trámite: ata as 13.30 horas do venres, 9. A Concellería de Cultura destina 9.800 euros para repartir entre os mellores disfraces que acudan ao desfile e para compensar ás comparsas que participen no festival.

O Entroido de Vilagarcía ábrese oficialmente o domingo 11 de febreiro co Festival de Comparsas. O certame de Vilagarcía non ten carácter competitivo, polo que todas as agrupacións que cumpran coas normas establecidas nas bases recibirán unha compensación de 300 euros. As formacións deberán contar cun mínimo de 20 compoñentes e dispoñer dun repertorio de entre 10 e 15 minutos de duración, entre outros requisitos. A participación limítase a 10 comparsas, con prefer encia para as de Vilagarcía. As restantes admitiranse por orde de inscrición.

O Martes de Carnaval, o 13 de febreiro, celebrarase o Desfile de Disfraces e Carrozas. Este evento si ten carácter competitivo e está dotado con 6.800 euros a repartir entre os 21 premios previstos e aos que os participantes poderán optar anotándose en calquera das tres categorías recollidas nas bases (infantil, adultos, grupos) e nas súas respectivas modalidades (individual e parella nas dúas primeiras, e de ata 20 participantes ou de máis de 20 na de grupos). Tamén se establece un premio á mellor carroza e outro á mellor animación, e mantense o accésit para choqueiros creado xa hai uns anos para recuperar e potenciar esta tradicional figura do Entroido galego máis popular.

Tanto as bases de cada un dos eventos como os formularios de inscrición están dispoñibles no taboleiro de anuncios da web municipal e na sede electrónica.