O Plan de Mobilidade de Vilagarcía entra na súa fase definitiva

O documento xa foi entregado aos grupos da oposición, mentres que o Goberno local tamén estudará a proposta antes de elevala ao Pleno

Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Plan de Mobilidade Urbana e Sostible (PMUS) de Vilagarcía acaba de entrar na súa fase definitiva, unha vez que a empresa GEA 21 xa entregou o seu ditame e despois de varios meses de traballo que incluíu numerosas reunións con grupos políticos e sociais (comerciantes, asociacións de veciños, etcétera). O documento foi presentado o pasado venres aos grupos da oposición, primeiro, e aos técnicos municipais, despois, antes de facelo publicamente e na Mesa de Mobilidade a través da que se canalizou a participación cidadá. A partir de agora, o Goberno local dará un tempo aos grupos políticos para que valoren o documento e, de ser o caso, presenten alternativas, antes de elevalo ao Pleno. O propio Goberno estudará tamén a proposta de GEA21. "Ata agora dixéronnos que faciamos as cousas sen planificalas. Agora que existe un documento que non só avala o que vimos facendo, senón que establece o camiño a seguir no futuro, esperemos que non nos atopemos con que tampouco están de acordo cun documento que foi participativo como poucos neste concello", explicaron dende o Goberno local.

O Plan de acción contén dez liñas estratéxicas, con medidas a curto, medio ou largo prazo e, dentro destas, establécense criterios de prioridade. O fundamental, a liña mestra do PMUS, é crear unha nova xerarquía na rede viaria e poñer ao cidadán no centro da mobilidade e a accesibilidade. No primeiro caso, o ideal a conseguir é evitar o tráfico de paso, sobre todo de vehículos pesados, polo centro da cidade, e converter as travesías en rúas, é dicir, con mobiliario urbano, vexetación e máis espazo para os peóns. É neste contexto onde se inscribe a filtración interesada, hoxe, dunha das propostas da empresa para a avenida de Juan Carlos I, que se plantea como obxectivo a medio prazo. 

Nesa nova xerarquía das prioridades, o PMUS tamén propón reducir o efecto barreira do viario, creando máis puntos de cruce, facilitando a conexión dos centros urbanos coas zonas rurais, mellorando a seguridade peonil e ciclista e ampliando as beirarrúas alí onde sexa posible. Consonte con isto, crearíanse máis espazos peonís nos núcleos urbanos e se garantiría unha mellor accesibilidade aos destinos cotiáns, é o caso dos colexios.