'Con Eles' organiza unha gran festa na Peixería para o Día Internacional da Discpacidade

Teatro, actuacións musicais, xogos, globlofexia e sesión DJ sucederanse dende as dez da mañá e ata as sete da tarde do venres, 2 de decembro

Praza da peixería. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Praza da peixería. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A asociación Con Eles organiza este venres, 2 de decembro, unha gran festa aberta a toda a cidadanía para conmemorar o Día Internacional da Discapacidade e sensibilizar sobre esta temática. Para a ocasión, o colectivo desenvolverá unha intensa xornada de actividades lúdicas e de animación que se desenvolverá na Praza da Peixería entre as dez da mañá e as sete da tarde. Obradoiros, teatro, actuacións musicais, sesión DJ, dinamización musical e moito máis compoñen a oferta de divertimento que os usuarios de Con Eles e as súas familias desexan compartir con todos os vilagarciás e veciños da contorna. O clown Fran Rei, exercerá como padriño da celebración.

A festa de Con Eles contará coa participación de persoas e colectivos que habitualmente colaboran coa entidade. Unha das actuacións da xornada será, precisamente, a que ás 18.30 horas protagonizará Fran Rei, con quen os usuarios da asociación traballan anualmente para participar no eido social do Festaclown. A asociación O Castro de Baión tamén intervirá cos seus grupos musicais e de teatro das clases inclusivas nas que toman parte varios usuarios da organización e os seus familiares, e o colectivo Pés de Barro desenvolverá un taller inclusivo de instrumentos musicais e baile tradicional. Unha DJ animará a sesión e dinamizará a xornada da tarde con xogos e actividades centradas na música e na canción e realizarase unha xincana para concienciar sobre as discapacidades mediante probas que os participantes deberán superar cos ollos vendados ou á pata coxa.

Para amosar o traballo que as persoas con discapacidade son quen de realizar, Con Eles sacará os seus obradoiros á rúa, expoñendo os produtos que os seus usuarios confeccionan ao longo do ano, tales como pulseiras, marca páxinas, axendas, bolsos ou xabóns, artigos que as persoas que o desexen poderán adquirir alí mesmo. O programa complétase con actividades de globoflexia e de maquillaxe de fantasía na que poderá participar calquera persoa que o desexe.

Visita dos centros educativos

Ademais, habilitarase un gran mural para que quen o desexe deixe escrita algunha reflexión ou dedicatoria sobre a discapacidade e as persoas que a sofre. Con Eles invitou á participar nesta festa aos centros educativos do municipio, polo que varios grupos visitarán a Praza da Peixería durante a mañá para compartir co colectivo a celebración do Día Internacional da Discapacidade.