O Colexio de Arquitectos inicia en Sanxenxo as visitas aos proxectos distinguidos nos Premios Gran de Area 2023

A actividade comezará cun percorrido por unha vivenda unifamiliar en Sanxenxo, no Lugar de Arra en Sabugueira, obra do estudo Rodríguez e Pintos

Vivenda unifamiliar en Montalvo, premiada en Gran de Area 2023. DS
photo_camera Vivenda unifamiliar en Montalvo, premiada en Gran de Area 2023. DS

A Delegación de Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia en Pontevedra organiza un ciclo de visitas ás obras distinguidas nos Premios Gran de Area 2023 na área de Pontevedra, que comezará este sábado nunha vivenda unifamiliar en Montalvo (Sanxenxo), de Rodríguez e Pintos.

Neste caso, premiouse a calidade do proxecto de vivenda, tanto nos espazos proxectados como nos materiais e técnicas utilizadas. É unha proposta de deseño contemporáneo que á súa vez é un exercicio de bioconstrución e eficiencia enerxética. O resultado é un fogar eficiente, sereno e belo, relacionado co seu contorno inmediato.

A visita é aberta ao público e comeza ás 11,00 horas e, posteriormente, celebrarase unha charla-coloquio cos autores do proxecto.Disporase dun autobús, do que poderán facer uso todas as persoas interesadas en asistir á visita, que sairá ás 10.30 horas da Praza de Galicia en Pontevedra (enfronte ao NAKASA), tendo previsto o seu regreso ás 14.30 horas.

Outros proxectos que se visitarán no sucesivo son a reestruturación dunha vivenda unifamiliar en Pontevedra, de Luis Gil Pita; e a recuperación patrimonial e paisaxística dos baños de San Xusto, en Cerdedo-Cotobade, de Cristina García Fontán.