O concurso de decoración sostible de Nadal conta con trece centros participantes

A Concellería de Xuventude concederá tres premios en metálico aos adornos mellor valorados polo xurado e un lote de libros a cada un dos centros participantes ▶ Tamén haberá un premios popular, dotado con 150 euros, ao traballos que máis vote a cidadanía a través das redes sociais do Concello
Decoración Navideña de Vilagarcía. DS
photo_camera Decoración de Nadal en Vilagarcía. DS

Despois de tres anos limitado ao ámbito familiar debido ás restricións impostas pola pandemia, o Concurso de Decoración Sostible do Nadal regresa este ano ás súas orixes e volve a desenvolverse na contorna educativa. A iniciativa posta en marcha pola Concellería de Xuventude contará este ano con 13 participantes, entre os que se atopan 8 centros educativos de Infantil e Primaria, 3 escolas unitarias e 2 centros de Educación Especial, que xa están traballando nas aulas na confección dos adornos que presentarán ao certame.

Un xurado recoñecerá aos tres mellores conxuntos con galardóns de 300, 200 e 100 euros e tamén haberá un premio popular dotado con 150 euros para decoración máis votada pola cidadanía a través das redes sociais do Concello. Ademais, polo simple feito de participar, todos os centros inscritos recibirán como agasallo un lote de libros por importe de 75 euros.

Os participantes son os colexios de Rubiáns, O Piñeiriño, Arealonga, Arealonga-Vagalume, Rosalía de Castro, A Escardia, A Lomba e Anexo A Lomba. Tamén toman parte no certame as escolas unitarias de Solobeira, Aralde-Sobrán e Vilar-Bamio; así como o Centro de Educación Especial de Vilagarcía e o de BATA-Os Mecos.

A iniciativa, que persegue a participación activa dos nenos e nenas na ambientación dos espazos públicos da cidade nesta época do ano, ademais de promover valores como o traballo en común e a cooperación para acadar un entorno común máis amable e sostible, tamén busca fomentar a reciclaxe como recurso educativo e sensibilizar á poboación sobre a problemática dos residuos que xeramos e sobre a importancia da reutilización.

O concurso está dirixido a alumnado de 3 a 12 anos, apartado do que quedan exentos de cumprir os centros de Educación Especial. O requisito principal a cumprir polos participantes é que para a confección dos traballos se utilicen maioritariamente materiais de desfeito que se reciclarán e aos que se lles dará unha segunda vida como adornos de Nadal. 

As elaboracións dos participantes utilizaranse para decorar as árbores do Parque Miguel Hernández, labor que se realizará por quendas entre os días 12, 13 e 14 de decembro. En caso de que as condicións meteorolóxicas non o permitan, os escolares levarán os adornos ao Auditorio onde se organizará unha exposición que poderán visitar a cidadanía e tamén o xurado que o día 20 pasará a avaliar os traballos de cada centro participante e emitir o seu fallo.