O Nadal achégase esta fin de semana ás parroquias con cine e espectáculo infantil

As actividades son de balde e celebraranse nos centros culturais de Cea, Guillán, Cornazo e Sobradelo
Encendido de luces de Navidad en Vilagarcía. DS
photo_camera Encendido de luces de Navidad en Vilagarcía. DS

O Nadal respirarase esta fin de semana en todo o municipio grazas ás actividades de dinamización postas en marcha polo Concello para descentralizar a oferta lúdica e cultural e achegala ao público de todos os lugares. No que ás zonas do rural se refire, o Nadal nas Parroquias e as Tardes de Cine fan escala o sábado en Cea e Cornazo, e o domingo en Guillán e Sobradelo. A maiores, o Auditorio Municipal encherase ata a bandeira nas dúas funcións que o sábado ofrecerá o Circo Máxico de Nadal, un esperado espectáculo que xa hai días esgotou as entradas que se vendían ao popular prezo de 3 euros, grazas á subvención da Concellería de Cultura.

Soño é o título da función que Fifo o pallaso representará o sábado, a partir das 18.30 horas no centro cultural de Cea. Este mesmo show recala o domingo nas instalacións culturais de Guillán, neste caso, cunha sesión matinal que comezará ás 12 do mediodía. En ámbolos dos casos, a entrada é libre de balde.

Tamén gratis se poderá ver o sábado a película O Monstro Mariño, que se proxectará a partir das 18.30 horas na casa de cultura de Cornazo. E á mesma hora, pero o domingo, a veciñanza de Sobradelo poderá gozar no centro cultural do lugar da película Klaus.

Os films incluidos neste ciclo de cine nas parroquias elixíronse coidadosamente entre os títulos máis recentes destinados ao público familiar e que obtiveron importantes recoñecementos nos festivais cinematográficos máis prestixiosos do mundo. "O Monstro Mariño" estivo nomeada á Mellor Película de Animación nos Óscar e obtivo outras seis nominacións nos Premios Annie. Tamén "Klaus" estivo nomeada como Mellor Película de Animación nos Óscar, e gañou os máximos galardóns nesta categoría nos prestixiosos BAFTA Film Awards e nos Premios Annie.

O Monstro Mariño

Nos tempos nos que bestas aterradoras sucaban os mares e os cazadores de monstros eran considerados auténticos heroes, ningún recibía máis encomios que o gran Jacob Holland. Pero cando a xoven polisoa Maisie Brumble se coa no lendario navío de Holland, este non ten máis remedio que cargar con esta aliada. Xuntos emprenden unha viaxe épica por mares inexplorados que fará historia.

Klaus

A Jesper (voz de Quim Gutiérrez), o peor estudante da academia postal, o envían a Smeerensburg, unha xélida illa máis alá do círculo Polar Ártico, onde os seus conflitivos habitantes apenas intercambian palabras e, moito menos, cartas. Jesper está a punto de renderse cando atopa unha aliada, Alva (Belén Cuesta), a profesora do pobo. Alí tamén descubre a Klaus (Luis Tosar), un misterioso carpinteiro que vive illado nunha cabana repleta de xoguetes feitos a man. Estas improbables amizades traerán a alegría de novo a Smeerensburg e crearán un novo legado de veciños xenerosos, lendas máxicas e calcetíns pendurados con cariño nas chemineas.