O Concello resolve a vía de financiamento para o centro social na casa Jaureguizar

A operación a través do Fondo de Cooperación 2024/31 ten un importe de 884.250 euros a financiar en 8 anualidades ▶ O convenio asínase o venres
Casa Jaureguízar en la actualidad. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Casa Jaureguízar. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A creación do centro social para persoas maiores na casa Jaureguizar vén de dar un novo paso cara a súa materialización ao terse resolto a vía de financiamento do proxecto. O Concello de Vilagarcía accedeu ao Fondo de Cooperación do IGSV, co que disporá dos 884.250 euros necesarios para acometer a obra de rehabilitación do emblemático edificio. A operación concretarase mediante a concesión dun préstamo libre de xuros que a administración local deberá amortizar en oito anos a partir de 2024. A sinatura realizarase nun acto a celebrar o venres en Porto do Son.

A inclusión do proxecto de Vilagarcía no Fondo de Cooperación do IGSV é un simple adianto dos cartos necesarios para financiar a actuación, xa que o Concello terá que devolver a cantidade íntegra. Iso si, sen custe adicional algún. Isto supón unha importante avantaxa xa que permitirá ao Concello dispor dos cartos para contratar a obra completa sen máis esperas, e ir pagando o préstamo en oito prazos a razón de 110.535 euros por ano, o que fai máis doado obter os fondos en cada exercicio.

Co asunto do financiamento solucionado, o executivo local confía en desbloquear pronto o trámite ante Patrimonio, xa que para poder licitar a obra é necesario que o organismo autonómico autorice previamente a actuación proxectada para o edificio catalogado. Nestes momentos o arquitecto redactor do proxecto –o pontevedrés José Antonio Sueiro Sueiro- está elaborando o estudio requirido pola Dirección Xeral para complementar a documentación remitida anteriormente e así poder pechar o procedemento. A intención do Concello é licitar a obra tan pronto como Patrimonio aprobe o proxecto.