O musical de Tarzán regresa a Vilagarcía da man da Escola de Música e Danza Coda

A primeira tradución e adaptación ao galego da famosa novela de E. Rice Burroughs represéntase o 27 de xaneiro, sábado, no Auditorio ás 18.00 horas
Imaxe do musical de Tarzán. DS
photo_camera Imaxe do musical de Tarzán. DS

Despois do éxito rexistrado na súa estrea durante as festas de San Roque, os vilagarciáns terán unha nova oportunidade para gozar do musical Tarzán da man da escola de música e danza Coda. O vistoso e emocionante espectáculo dirixido ao público familiar represéntase o sábado 27 de xaneiro no Auditorio a partir das 18.00 horas. As entradas xa se poden adquirir ao prezo único de 17 euros a través de www.ataquilla.com. De non esgotarse antes, tamén se porán á venta na billeteira do Auditorio o día da función dende dúas horas antes do inicio.

Unha banda composta por 8 músicos e un coro de máis de 20 voces interpretarán en rigoroso directo os temas pop e étnicos que fían un espectáculo en cuxo elenco sobresaen os roles dos simios, encarnados en artistas expertos nos movementos destes animais e que complementan a súa actuación con acrobacias, animal flow e capoeira.

A maiores da calidade musical, interpretativa e da posta en escena, o traballo de Coda destaca por ser a primeira tradución e adaptación ao galego da famosa novela de ficción de E. Rice Burroughs Tarzán dos monos, centrada na personaxe do neno orfo criado por gorilas na xungla. A versión de Coda, cos seus logrados números musicais, consegue transmitir toda a épica, a emoción e o dinamismo da obra orixinal, con mensaxes como a necesidade de pertenza e aceptación, a familia, o amor e a amizade. Ademais, cos coidados decorados e o vistoso vestiario, o espectáculo transporta ao público ás profundidades da xungla.

Sinopse
Tras o naufraxio dunha embarcación nas costas de África Occidental, unha familia de gorilas adopta ao único supervivinte: un neno orfo ao que os simios deciden chamar Tarzán. O neno medrará loitando pola aceptación do seu pai simio e polo intento constante de ser un mono máis e adaptarse a pesar das diferenzas. Pasado o tempo, unha expedición humana que penetra na xungla para cazar gorilas, atópase con Tarzán, descubrindo por primeira vez unha criatura coma el. No grupo viaxa Jane, unha moza inglesa da que Tarzán se namora. A defensa da súa manada de gorilas e o amor a Jane espertan no protagonista sentimentos enfrontados ao chocar a súa educación animal cos seus instintos humanos.