Ravella destina 30.000 euros a arranxar a pérgola do Parque Miguel Hernández

Os traballos foron adxudicados á firma Nelmar S.L.U. e comezarán na segunda quincena de xaneiro 
Pérgola do Parque Miguel Hernández de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Estado actual da pérgola do Parque Miguel Hernández de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A pérgola do Parque Miguel Hernández será obxecto dunha exhaustiva actuación de mantemento para garantir o perfecto estado e a seguridade da instalación situada nas inmediacións das zonas infantís de xogo. O Concello investirá 29.694 euros nos traballos que a Xunta de Goberno vén de adxudicar á empresa Nelmar S.L.U. e que consistirán na substitución de elementos deteriorados, arranxo da estrutura e revisión da cuberta. A obra comezará na segunda quincena de xaneiro e rematará no prazo máximo dun mes.

A actuación faise a proposta da Concellería de Medio Ambiente, Parques e Xardíns, ao detectarse nas labores ordinarias de mantemento e conservación das áreas verdes municipais que as bases da pérgola sufrían bastante deterioro debido a acción das chuvias, que contribúen á podremia da madeira, así como ao paso do tempo, xa que a instalación non se tocara dende que se inaugurou o parque no ano 2002. Como consecuencia, encargouse un informe do Aquitecto Municipal e, en base ao especificado nel, contratouse a obra.

Estado actual da base da pérgola. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Estado actual da base da pérgola. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Os traballos a realizar consisten na reparación das bases da pérgola, con substitución da madeira, desmonte e reposición do armazón de forxado de pares de madeira e dos parafusos de unión. Ademais, procederase a revisar o estado das vigas da cuberta e, de ser necesario, tratalas como sexa preciso para garantir a completa conservación do conxunto.

Cancha multideportiva na urbanización A Gaivota

Outra das actuacións promovidas pola Concellería de Medio Ambiente, Parques e Xardíns que vén de rematar é a instalación na nova pista multideportiva na urbanización A Gaivota, en Vilaxoán. O departamento investiu 21.160 euros na obra que, dende hai dúas semanas, permite gozar á veciñanza da zona dunha cancha para a práctica de baloncesto, minibasket e fútbol sala. A infraestrutura conta coa pintura dos campos para cada disciplina e está dotada de canastras, porterías e valados de protección nas cabeceiras para evitar a saída dos balóns.