Miñones supervisa o final dos traballos no paseo marítimo da praia de Compostela

A segunda fase das obras tivo un orzamento de 633.000 euros dun total de 1,3 millóns de investimento
José Miñones e Alberto no paseo marítimo da praia de Compostela
photo_camera A actuación mellorou a accesibilidade da praia de Compostela. DP

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, supervisou o fin das obras da segunda fase de rehabilitación do paseo marítimo da praia de Compostela. Na visita estivo acompañado do alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela. A última actuación de acondicionamento desta zona da localidade arousana contou cun orzamento de 633.000 euros, que sumado ao coste da primeira fase supón un total de 1,3 millóns de euros de investimento do Goberno central, permitindo así renovar o tramo central do paseo, comprendido entre o balneario de Compostela e as inmediacións do lavadoiro de Carril.


Os traballos executados nos 748 metros da última fase foron similares aos realizados na primeira fase. Consistiron na substitución das laxas de lousa deterioradas por un pavimento de formigón tintado moito máis resistente, duradeiro e accesible, así como a renovación do cableado eléctrico da iluminación pública en todo o tramo.

José Miñones sinalou que esta obra "evidencia a materialización do cumprimento dun compromiso histórico que o Goberno de España adquirira con este Concello e os seus habitantes". O representante estatal lembrou que ademais dos 1,3 millóns de euros citados para o paseo marítimo, os investimentos do Goberno central na vila acadan os 12 millóns de euros, tendo en conta a recente reforma da Casa do Mar e as diferentes liñas de financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia acadadas polo Concello para desenvolver o seu turismo ou o seu comercio, entre outros.


O delegado do Goberno mostrou a súa satisfación porque “a obra vén de rematarse para poder ser disfrutada en verán, de xeito que todos os vilagarciáns e vilagarciás, e os milleiros de visitantes que nestes meses recibe a cidade, poidan gozar desde xa dun paseo completamente renovado, cunha mellor iluminación e pavimento en todos os seus tramos".


Finalizado o percorrido, José Miñones volveu a incidir en que "estes investimentos evidencian o compromiso do Goberno cos municipios galegos e, en particular, con Vilagarcía", aproveitando tamén para felicitar ao alcalde, Alberto Varela, e ao seu equipo municipal polo "bo traballo realizado". Por último, prometeu "seguir traballando a prol da cohesión social e territorial e do desenvolvemento verde e sostible desta vila e de todas as vilas galegas, recuperando as cidades para as persoas e poñendo os seus habitantes no seu centro".