andrea fernández maneiro, POETA

"A imaxinación é o que máis nos excita"

Os premios consolidaron, no último ano, a autora vilagarciá no panorama literario galego. Recibiu o Illas Sisargas, o Eduardo Pondal e o Torre de Caldaloba pola súa poesía.
Andrea Fernández Maneiro (Carril, Vilagarcía, 1964). RAFA FARIÑA
photo_camera Andrea Fernández Maneiro (Carril, Vilagarcía, 1964). RAFA FARIÑA

Edénicas foi o poemario que lle valeu o premio Illas Sisargas.

Escribir poesía é case como un deporte: necesita o seu exercicio diario. Tes que estar adestrada. Edénicas empezou así, como un exercicio. Pensei en escribir un poemario erótico, que me parecía tremendamente difícil. Empecei a traballar nel e, ao final, foron catro ou cinco anos. Cando finalmente gañei o Illas Sisargas non daba crédito porque é un poemario moi sutil. Moita xente confunde pornografía con erotismo, cando a pornografía é pornografía e o erotismo é outra cousa. Igual que a romántica non é tampouco poesía erótica. Aínda que hai poesía relixiosa que si se pode considerar erótica. Por exemplo: "Vivo sin vivir en mí,/ y tan alta vida espero,/ que muero porque no muero. Aquesta divina unión/ del amor con quien yo vivo,/ hace a Dios ser mi cautivo/ y libre mi corazón;", de Santa Teresa. O erotismo ten un perfil moi lixeiro. Hai que fiar moi finiño para non cambiar de xénero e caer na pornografía ou nun exceso de glucosa.

Vostede entende a pornografía como algo máis explícito.

É que a pornografía é absolutamente explícita. E normalmente non conta historia algunha máis alá do sexo. A erótica ten que ter algo máis. E ten que deixarlle á xente espazo para imaxinar. Ao final, o erotismo é imaxinación. A parte esencial dun momento erótico está na imaxinación. É o que máis nos excita.

Usou na portada do poemario unha foto moi suxestiva dunha froita. A súa poesía erótica está moi relacionada coa natureza?

A miña poesía é moi botánica, si. Porque a considero moi erótica. Pensemos en como o vento sopra por enriba dun campo de herba. É un momento erótico, que se pode extrapolar a unha relación humana, porque podes desexar sentir o tacto dunhas mans ou duns beizos sobre a túa pel como sente a herba o vento. Pasa tamén cos aromas, que poden espertar o noso erotismo. As froitas en xeral e as tropicais en particular, por exemplo. Aí están os perfumes, que son claramente desencadeantes de desexo. Os cítricos, ese morder doce e agre a un tempo, tamén son tremendamente eróticos. Por todo isto eu decidín refuxiarme na botánica para contar todo o que quería contar.

Queríalle preguntar polo que a vostede lle pon, pero quizais xa me contestou.

A min ponme calquera cousa. Todo me pode poñer. Porque non é tanto o que como o cando e o como. Nun momento pode ser unha cousa e noutro momento, outra. Aínda que probablemente todos tendemos a preferir un sentido. Hai quen se estimula máis con olores, hai quen máis co tacto. Pero calquera cousa pode ser un detonante erótico.

Incluso unha palabra.

Por suposto. E xa non digamos a música. Para a maioría da xente hai cancións específicas que funcionan neste sentido. Lady Marmalade é unha canción erótica por excelencia.

Aí está o éxito de Barry White como banda sonora para manter relacións sexuais.

A voz grave, claro. É moi erótica. Eu sempre conto como cando eu era noviña había un mozo guapísimo en Vilagarcía que nos traía a todas as amigas toliñas ata que un día o escoitamos falar. Aí acabouse todo. Tiña unha voz de pito terrible.

Comezar a publicar aos 56 é raro, pero é que as mulleres temos que coidar á familia e normalmente a partir dos 50 quedamos máis libres

Case ao mesmo tempo que recibiu o Illas Sisargas por Edénicas, recibiu tamén o Torre de Cardaloba por Contra-Tempos [finais do ano pasado] e pouco despois [en xaneiro] o Eduardo Pondal por Voto de silencio.

Mira, eu son unha señora de 58 anos. Alguén pode dicir, "demo, pois empezar a publicar con 56 é unha cousa ben rara". Pero é que as mulleres normalmente temos certas eivas á hora de publicar porque normalmente de dedicamos as nosas vidas a coidar á familia. A partir dos 50 é cando podemos estar un pouquiño máis liberadas. Algunhas afortunadas quizais poidan facelo antes, pero normalmente, se tes traballo e familia, non che queda tempo para escribir moito. O problema é como empezar a publicar con 50 e tantos anos. As editoriais non van ter interese en ti. Prefiren mulleres novas. Unha moza sempre vende máis: é máis fotoxénica, máis dinámica, esperta máis curiosidade, que unha señora de 50 anos. Eu decidín que me ía presentar a concursos. Era un xeito de publicar sen ter que andar a suplicar por aí e sen ter que pagar para que se me publicara, un xeito de traballar este último que xa están a usar ata as grandes editoriais. As cousas como son: preséntome a moitos e perdo máis dos que gaño. Sempre me presento coa esperanza de gañar, pero coa idea de que vou perder. Pero, de súpeto, vinme con dous poemarios gañadores de certames a finais de ano. E un mes despois, cun terceiro. Aí estou, enleada con estes tres fillos.

Voto de silencio está a punto de saír á rúa. Que conta nel?

É un libro que sae da miña experiencia nun colexio de monxas. Hoxe é outro mundo, pero non quero que se esqueza o que foi aquilo. Fálase moito dos abusos, pero non se fala nada doutras cousas que se facían alí dentro: educar señoritas y señoras de su casa. Iso quere dicir que eu, con oito anos, estaba facendo vainica dobre para un enxoval. Tratábase de baleirar todo o que ti tiñas dentro para encherte doutras cousas totalmente alleas: rezar, coser, cociñar, limpar e aprender que había que dedicarse ao teu home. No poemario falo destas cousas, do que me aprenderon e desaprenderon no colexio de monxas.