O Goberno local acomete o aranxo das vías rurais danadas por raíces de árbores

A empresa Microasfalt realiza os traballos nos que o Concello inviste 94.000 euros que se financian cos remanentes de 2022
Rúa Xiabre en Guillán, Vilagarcía . JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera A rúa Xiabre será unha das zonas na que se acometerán melloras. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Goberno local de Vilagarcía comezará o ano acomentendo dúas acyuacións para a mellora da rede viaria municipal das zonas rurais de Vilagarcía. Trátase do arranxo dos tramos de vías danados por raíces das árbores e do plan de instalación de medidas redutoras de velocidade. O Concello inviste 94.00 euros na execución destas obras de mellora da seguridade viaria coas que o goberno local atende as necesidades trasladadas polas asociacións veciñais das zonas afectadas.Os traballos foron adxudicados en ámbolos dous casos á empresa Microasfalt.

Mediante o proxecto de arranxo das vías afectadas polas raíces das árbores actuarase en diferentes puntos de seis camiños rurais. En concreto, traballarase na rúa Berdón, na Torre; nas rúas Aralde e Galáns; na rúa Piñeiro de Arriba, en Sobrán; na rúa Soutelo, en Rubiáns; e na rúa Muíño Novo, na Laxe. Coas obras que xa se están executando resolveranse os problemas de accesibilidade e seguridade viaria que representan estas zonas da calzada levantadas ou fendidas e que supoñen un perigo para a circulación. Os últimos días os traballos estábanse a levar a cabo na rúa Soutelo, de Rubiáns, para continuar pola zona do Piñeiro.

Tamén co obxectivo de mellorar a seguridade viaria estanse instalando mediadas redutoras de velocidade noutros 13 camiños da contorna rural. Atendendo ás peticións veciñ ais actuarase nas rúas Fontecarmoa, Marxión, Os Anxos (Carril), Veiga de Mar (Vilaxoán), Pedramogueira e Galáns (Galáns), rúa do Xogo (Sobrán), rúas Soutelo e Igrexario (Rubiáns), rúa Figueiras (Trabanca Badiña), Xesteira (Sobradelo) e nas rúas Aralde e Mestres Trigos e Pazos (Aralde).

Os traballos a realizar varían en función da problemática concreta de cada vía e das necesidades das mesmas. Polo xeral, consisten na construción de redutores de velocidade do tipo "lombos de asno" e de pasos de peóns sobreelevados. Estas obras van acompañadas da instalación da sinalización horizontal e vertical que corresponda (advertencia de perigo por badén ou paso de peóns, sinalización de situación do paso de peóns e de limitación de velocidade). 

O proxecto tamén prevé a instalación de sumidoiros e conexión á rede de pluviais nos casos onde sexa preciso, co obxectivo de eliminar o risco que para a circulación de vehículos supón a acumulación de auga sobre a calzada.

Os dous plans de mellora da rede viaria rural finánciase cos remanentes dos orzamentos de 2022, fondos que o executivo socialista destinou a atender imprevistos e moitas das demandas veciñais que se foron producindo nos últimos meses, razón pola cal criticaron que o PP non votase a favor do destino dado a estes cartos.

Saneamento en Loureiro da Galufa e ensanche da Rúa Xiabre

Outras das obras que está executando o Concello no rural vilagarcián e que están a piques de rematar son a mellora do saneamento na rúa Loureiro da Galufa, en Cornazo, e a segunda e última fase do ensanche e mellora da rúa Xiabre. Na primeira actuación invístense 23.716 euros e na segunda 86.000.