O Gato Negro de Carril acolle a exposición sobre os 150 anos do Ferrocarril en Galicia

A inauguración está prevista para este venres ás 19.00 horas, con participación do alcalde e outros membros da corporación
Fai apenas unha semana o Goberno local inauguraba a renovación do Mufevi. DS
photo_camera Fai apenas unha semana o Goberno local inauguraba a renovación do Mufevi. DS

A exposición itinerante sobre os 150 anos do ferrocarril en Galicia chega este venres a Carril, a estación que en 1873 recibiu o primeiro tren galego, O Compostelano, que partira dende Cornes (entón Concello e hoxe Santiago de Compostela). A mostra, composta por unha vintena de paneis e que procede, precisamente, de Cornes, permanecerá nas instalacións do Gato Negro durante 15 días. Despois seguirá o seu periplo por Padrón e logo, tras outras dúas semanas, polo resto dos concellos polas que pasaba aquel primeiro camiño de ferro da comunidade.

A inauguración da exposición está prevista para as 19.00 horas e contará coa presenza do alcalde, Alberto Varela, e doutros membros da corporación municipal. Despois, ás 19.30, o seu comisario, Carlos Abellán, protagonizará unha charla-coloquio sobre a historia daquela primeira liña e o que ese novo medio de transporte supuxo para O Carril, Vilagarcía e Galicia. Abellán, presidente da Asociación de Amigos do Ferrocarril de Compostela, foi tamén, durante varios anos, director do Museo do Ferrocarril de Madrid.

A exhibición da mostra no Carril e a conferencia inscríbense nos actos que vén desenvolvendo o Concello para celebrar esa primeira liña ferrovia en Galicia. O primeiro deles, a semana pasada, foi a reapertura do Mufevi, precisamente na vella estación do Carril.