Galsur acometerá a mellora en Doutor Carús e na praza do Centro Social do Ramal

Os traballos foron adxudicados na Xunta de Goberno Local celebrada este luns por importe de 47.930 euros que se financian cos remanentes de 2022
Estado actual da praza de Doutor Carús. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Estado actual da praza de Doutor Carús. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Xunta de Goberno Local de Vilagarcía acordou este luns adxudicar á empresa Galsur os traballos de mellora do pavimento das prazas Doutor Carús e do centro social do Ramal. O desenvolvemento desta obra permitirá acondicionar dúas zonas especialmente deterioradas e mellorar as condicións de seguridade viaria, tanto para os peóns como para a circulación de vehículos. A actuación ten un prazo de execución de un mes e un custe de 47.930 euros a financiar cos remanentes dos orzamentos municipais do ano pasado.

A praza Doutor Carús é unha zona na que conviven espazos para o estacionamento de vehículos con outros para a circulación. Ademais, os martes e sábados acolle o mercado ambulante, polo que é frecuentada por moitas persoas. O desgaste polo uso intenso, xunto coa acción da meteoroloxía, dou pé a numerosas fochas, afundimentos e desniveis que dificultan o paso dos vehículos e crean un risco para a mobilidade dos peóns, especialmente cando acoden ao mercado. Aínda que nos últimos anos se levaron a cabo obras de parcheo, faise preciso actuar na totalidade da superficie e de forma uniforme, de aí que para resolver os problemas mencionados realizarase un varrido de todo o firme e posteriormente procederase ao pavimentado. As tapas das arquetas dos distintos servizos elevaranse para que queden a nivel e a actuación completarase co repintado da sinalización horizontal, dos vaos e dos pasos de cebra.

Pola súa banda, a praciña situada detrás do centro social do Ramal utilízase principalmente como aparcamento público. O pavimento é de terra e presenta numerosas fochas que coa chuvia se enchen de auga, dificultando o tránsito de peóns e dos vehículos. Este problema resolverase procedendo ao nivelado do terreo e ao posterior estendido dunha base de xabre. Ademais, instalarase unha canalización para a recollida de pluviais, cos correspondentes sumidoiros e arquetas, coa finalidade de evitar que a auga se acumule na superficie. Por último, rematarase a actuación pavimentando a superficie con aglomerado.