As empresas de Vilagarcía contrataron a 17 persoas a través de subvencións

A contía das axudas varía en función do tipo de contrato, aínda que a maioría, un total de 11, obtivo a suma máxima por persoa, que ascende a 3.000 euros
O edificio do Concello de Vilagarcía de Arousa. DS
photo_camera O edificio do Concello de Vilagarcía de Arousa. DS

As Axudas á Contratación que convoca a Concellería de Promoción Económica de Vilagarcía chegaron este ano a 14 empresas de Vilagarcía e da súa contorna. Grazas a estas subvencións, 17 traballadores do municipio tiveron a posibilidade de acceder a un contrato laboral ou consolidaron o seu posto de traballo, tal como se recolle nas bases da liña de axudas que ten como obxectivo fomentar a creación de emprego por parte da iniciativa privada mediante incentivos económicos da administración local.

A contía das axudas varía en función do tipo de contrato, aínda que a maioría, un total de 11, obtivo a suma máxima por persoa, que ascende a 3.000 euros. Entre as empresas subvencionadas están representados diferentes sectores e actividades como automoción, electricidade, cosmética, asesorías, servizos turísticos, informática, consignatarias, saneamentos e fabricación de mobles. A maior parte solicitaron axuda para un único contrato, mentres que houbo unha firma que pediu e obtivo subvención para a contratación de tres empregados e outra para dous.

A deste ano foi a convocatoria que contou cunha mellor acollida por parte das empresas respecto ás edicións anteriores, nas que se rexistrara un número inferior de solicitudes e, consecuentemente, de subvencións aprobadas. A diferenza foi especialmente notable en relación aos dous exercicios anteriores, nos que se subvencionaron sete e catro contratos respectivamente. Ata o de agora, a edición de 2020 fora a máis concorrida, con 15 traballadores beneficiados polas axudas á contratación.

A boa resposta das empresas fixo que neste exercicio a concellería que dirixe Álvaro Carou esgotase os 45.000 euros da partida habilitada para esta liña de axudas ao fomento do emprego.