Os exoplanetas chegan ao IES O Carril da man de Minia Manteiga

A catedrática astrofísica estará este venres no centro educativo nunha actividade organizada pola Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias dentro do ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos
Minia Manteiga. DP
photo_camera Minia Manteiga. DP

O ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos que promove a Deputación de Pontevedra xunto coa Real Academia Galega de Ciencias chega este venres, 10 de maio, a Vilagarcía. O IES O Carril acollerá a partir das 12.55 horas a segunda conferencia do programa dirixida a centros educativos titulada Exoplanetas e a nova ciencia da astrobioloxía, a cargo da catedrática de Astrofísica do Departamento de Ciencias da Navegación e Enxeñería Mariña da Universidade da Coruña, académica da Real Académica Galega de Ciencias e vicepresidenta da Sociedade Española de Astronomía, Minia Manteiga.

Ata que se descubriu o primeiro planeta orbitando unha estrela diferente do Sol, no ano 1992, pensábase que o Sistema Solar era unha singularidade no Universo. Sen embargo, na actualidade, coñécese que non é así, xa que se descubriron máis de 5.300 planetas arredor de diferentes estrelas, algúns formando sistemas planetarios parecidos ao Solar. Con esta conferencia, Minia Manteiga explicará o gran reto tecnolóxico que supón a detección de exoplanetas e dará a coñecer o obxectivo principal dunha nova ciencia: a Astrobioloxía, que busca indicios de vida en planetas diferentes á Terra.