Convocada a quinta edición do concurso de decoración de Nadal para comerciantes, praceiros e hostaleiros

Haberá un primeiro premio de 595 euros, dous segundos de 395 e dous terceiros de 200 ▶ Os propios profesionais serán os que elixan as melloras propostas

Luces de Navidad en Vilagarcía durante el año pasado. DP
photo_camera Luces de Nadal en Vilagarcía. DS

A Concellería de Promoción Económica, que dirixe Alba Briones, convocou o V concurso de decoración de Nadal dirixido aos comerciantes, os hostaleiros e os profesionais da Praza de Abastos. As persoas interesadas en participar nesta iniciativa poden inscribirse, a través da sede electrónica do Concello, ata o 2 de decembro. O certame contará con tres premios: un primeiro de 595 euros, dous segundos de 395 e outros dos terceiros de 200.

Como en anos anteriores, a convocatoria ten por obxecto promover e incentivar a creatividade comercial á hora de presentar os establecementos, facéndoos máis atractivos aos consumidores e consumidoras, e polo tanto reforzando a súa imaxe e dinamizando a actividade comercial e hostaleira do municipio.

A temática decorativa estará vinculada, obviamente, ás datas de Nadal, o que contribuirá a crear un ambiente festivo propio destas festas, ao que o concello suma a iluminación de rúas e prazas e os numerosos obxectos decorativos que instalará pola súa conta ao marxe do contrato con Iluminaciones Santiaguesas.

No concurso poderán participar todos os establecementos comerciais do Concello de Vilagarcía de Arousa. Xunto coa inscrición, deberán presentar tamén un certificado de conta bancaria. No caso de asociados do Centro Comercial Aberto Zona Aberta, AHITUVI ou Asociación de praceiros, a entidade á que pertenzan poderá realizar as inscrición en representación dos asociados que así o soliciten.

A decoración deberá manterse como mínimo dende o día 2 de decembro ata o 6 de xaneiro de 2023. A elección dos gañadores será realizada polos propios establecementos participantes no concurso. Cada establecemento emitirá un único voto en papel selado e fará entrega do mesmo aos representantes da asociación de comerciantes e hostaleiros para o seu traslado ao Concello a efectos do seu reconto.