Bará asegura “o cambio na Xunta está garantido” se todo o voto se concentra no BNG

O nacionalista presentou a súa candidatura en Vilagarcía afirmando que será aliado dos sectores produtivos no Salnés fronte “ao desgoberno, incompetencia e esgotamento dun PP en caída libre”
Bará xunto aos representantes do BNG no Salnés. DS
photo_camera Bará xunto aos representantes do BNG no Salnés. DS

O BNG presentou na mañá deste xoves en Vilagarcía a súa candidatura pola provincia de Pontevedra para o vindeiro 18F cunha idea clara: o cambio na Xunta de Galicia e a derrota do PP “están garantidos” se toda a xente que quere que melloren as cousas no país se mobiliza e concentra o seu voto no BNG de Ana Pontón e non se perden apoios en forzas non representativas. 

Así o asegurou o cabeza de lista Luís Bará acompañado de Montse Prado, Xavier Rodríguez Paz e Francisco Leiro, que aspiran a levar a voz do Salnés ao Parlamento galego, nun acto no que tamén estiveron presentes outras persoas con cargos orgánicos e institucionais nacionalistas da comarca. 

Para o cabeza de cartel a campaña está a amosar que “pode pasar algo extraordinario, histórico” porque “hai un sentimento de que estamos ante o fin dunha era e de que se abre unha nova etapa”. Destacou, de feito, que tras máis de 40 anos con presidentes homes á fronte do goberno galego unha muller como Ana Pontón ten moitas posibilidades de acadar a Presidencia da Xunta. 

O convencemento de cambio de Bará argumentouno co sentir e a ansia e desexo que se palpa na rúa, pero tamén ante as enquisas que din que unha maioría social (o 60% segundo enquisas) considera positivo que o PP deixe paso. “Estamos ante un fin de ciclo. Temos un desgoberno, un PP descoordinado, cansado, con incompetencia e en descomposición e caída libre, cun presidente suplente, accidental e gris, insulso, ao que non queren nin os seus, e que ademais está teledirixido”, subliñou. 

Fronte a iso, o nacionalista puxo sobre a mesa a alternativa do BNG e a confianza no potencial de Galiza e a súa aposta no traballo para que a riqueza quede no país. “Nós non estamos ao servizo do IBEX ou das portas xiratorias. O goberno de Ana Pontón será aliado dos sectores produtivos, das persoas traballadoras, dos servizos públicos, da xente que quere un proxecto de vida neste país”, subliñou.

De costas ao Salnés

Pola súa banda, a tamén candidata Montse Prado fixo unha radiografía de como queda a comarca do Salnés despois de 14 anos de goberno do PP na Xunta. Asegurou que a situación é “preocupante” posto que os populares “estiveron de costas viradas” ás necesidades da veciñanza sen dar solucións a moi diferentes problemas. 

Subliñou que a comarca queda como un deserto industrial, con menos emprego e de peor calidade, cos sectores produtivos máis importantes debilitados, cunha taxa de actividade moi baixa e o tecido económico desmantelado, por exemplo o sector do mar, que supón entre o 10 e o 20% do PIB dos concellos, “nunha situación dramática”.  

Falou Prado tamén de que a depuración da ría segue a ser unha asignatura pendente, de que se perderon 1.500 postos de traballo no comercio nos últimos anos, de que os xulgados están colapsados e de que os servizos públicos están desmantelados, cunha Atención Primaria no caos, e sen profesionais sanitarios, do modelo de coidados privatizado e sen centros de día no Grove, A Illa ou Vilanova, e sen prazas públicas de residencias para maiores. “Aquí non houbo aposta polo Salnés en ningún nivel”, subliñou.

Fronte a este desleixo, Prado destacou que no Bloque “non nos conformamos cunha Galiza e unha comarca low cost porque temos moito potencial” e asegurou que un novo goberno con Ana Pontón á fronte dará importancia á comarca e será aliado das persoas e necesidades. A nacionalista subliñou que co BNG na Xunta haberá maior dotación de persoal na sanidade, impulsaranse infraestruturas necesarias como os centros de saúde de Vilagarcía, O Grove ou Meis, aplicarase outro modelo de coidados e liderarase a consecución dunha residencia pública, coa compra do Pazo de Montesacro como primeira actuación, potenciarase o ensino, o cuarto xulgado ou un plan de mobilidade que vertebre as comunicacións dentro da comarca. “Teño a convicción de que haberá un cambio para Galiza e o BNG é a alternativa ás desastrosas políticas do PP”, finalizou.