Adxudicadas as obras de renovación do sistema de saneamento de Vilagarcía

Substituiranse os colectores na avenida de Rodrigo de Mendoza e construiranse dous tanques de tormentas e un treito de colector na avenida de Cambados co obxectivo de solucionar as deficiencias nas redes
Depuradora de Vilagarcía, JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Depuradora de Vilagarcía, JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou as obras de renovación do sistema de saneamento de Vilagarcía de Arousa.

As obras, adxudicadas por algo mais de 9 millóns de euros á empresa Petrolam Infraestructuras, S.L., teñen un prazo de execución de 24 meses. 

Na rede de sumidoiros de Vilagarcía existe un exceso de sólidos, ineficiencia dos colectores e unha entrada excesiva de augas limpas e auga do mar que, mesmo con precipitacións moderadas, que causan inundacións e vertidos.

Para solucionar eses problemas, contrátase a renovación da rede de colectores na avenida de Rodrigo de Mendoza e a execución de dous tanques de tormentas, así como a construción dun novo treito de colector na avenida de Cambados.

Os tanques de tormentas instalaranse na contorna da Praza, cun volume de retención de 3.700 metros cúbicos; e en Fexdega, cunha capacidade de 2.080 metros cúbicos.

A renovación dos colectores efectuarase na rúa García Caamaño, na marxe dereita do río Con e no cruce, ademais das impulsións correspondentes a cada un dos tanques de tormentas.

A intervención conta co cofinanciamento de fondos europeos do programa operativo Feder Galicia 2014- 2020.

Ampliación da depuradora municipal

En paralelo á contratación destas obras, a Xunta segue dando os pasos necesarios na tramitación da ampliación da depuradora municipal, que inclúe un novo pretratamento, un reactor biolóxico de leito móbil e unha ampliación da decantación secundaria. 

Este proxecto suporá un investimento de 23,1 M€, unha cantidade que supera en moito a media de gasto na construción e ampliación de depuradoras en Galicia, e este verán finalizou xa os trámites ambientais necesarios relativos a esta tipo de proxectos de infraestruturas hidráulicas.

Trátase dunha tramitación complexa, pola necesidade de modificar o PXOM, de xestionar a parcela e outras cuestións nas que se segue avanzando co obxectivo de poder impulsar as obras canto antes.