Soalleira consolida o seu concurso de música tradicional, que acada a VI edición

▶ O certame celebrarase este ano o vindeiro 12 de maio, nun momento de crecemento para o colectivo, e repartirá 3.500 euros en premios
Cativos de Soalleira durante unha actuación en Silgar. DS
photo_camera Cativos de Soalleira durante unha actuación en Silgar. DS

O Concurso de Música Tradicional Soalleira acada a súa VI edición este 2024, consolidándose sobradamente no panorama dos certames deste ámbito a nivel galego, e este ano recupera, ademais, a súa data tradicional, fixada no segundo domingo de maio, e que será o vindeiro 12 de maio.

Trátase dunha decisión adoptada pola asociación, que en anos anteriores tivo que mudar a data do certame ao coincidir este con outros concursos e por mor da pandemia. "O segundo domingo de maio é unha data especial. Funciona moito mellor a nivel de afluencia, e a xente prefíreo", explicou a presidenta do colectivo, Mari Agís.

A VI edición chega nun bo momento a nivel de actividade para Soalleira, e as expectativas de participación son altas, o que tamén é outra mostra da boa saúde no que respecta aos certames de música tradicional galega. "O noso concurso está consolidado, e hai outros que tamén se consolidarán este ano, facendo as súas segundas edicións. Agora mesmo a música tradicional é algo que interesa e estamos agardando maio, que é o mes dos concursos, con moita ilusión", manifestou Agís.

Neste sentido, Soalleira agarda roldar as 40 inscricións, igualando a súa mellor marca do pasado ano, e repartirá uns 3.500 euros en premios, segundo a financiación preliminar do certame. "Para isto seguimos contando co apoio do Concello, e estamos moi contentos de que aínda que houbera un cambio na concellería, sigan apostando polo noso concurso", asegurou a presidenta de Soalleira.

CRECEMENTO. A escola de Soalleira segue vento en popa, colleitando cada vez máis interese entre as novas xeracións de cativos e cativas. Por iso, para este ano, o obxectivo e continuar dándoa a coñecer, e seguir difundido a labor do colectivo no eido da música tradicional. "Tamén estamos asentando o grupo de gaitas e, neste sentido, é un gran momento para nós, con moitos proxectos e ilusión", explicou Agís.