Sanxenxo Fala encherá de cultura o municipio durante o mes de maio

A Lanzada de Maio é unha das novidades da programación e terá lugar os días 20 e 21
A concelleira e os representantes das asociación durante a presentación do programa cultural de maio
photo_camera A concelleira e os representantes de varias asociacións do municipio durante a presentación do programa cultural de maio. DS

A concelleira de Cultura, Paz Lago, presentou a programación de Sanxenxo Fala, co que se invita a vivir a cultura no municipio durante todo o mes de maio. Ademais, aproveitouse a ocasión para presentar o  vídeo ‘ChisPÚN!’ da actividade organizada pola asociación Abiñadoira no Sanxenxo Fala 2022, e que  contou  coa participación especial de Xurxo Fernández e o seu tema ‘Ergue a xouva’, e das agrupacións folclóricas do concello: Os Gatiños de Portonovo, Lembranza de Portonovo, Soalleira de Dorrón e Airiños da Lanzada.

As actividades arrancan o 30 de abril co Concurso de Maios organizado pola Asociación de Veciños de San Cristóbal. O vindeiro 1 de maio farase o Festival dos Maios na praza do mercado de Portonovo, ás 17 horas, e no que se repartirán 500 euros. O mes dará comezo co xa tradicional Festival de Maios do CCD Sanxenxo cunha exposición na Praza dos Barcos e un concurso de coplas con 3 premios de 300, 250 e 200 euros, para finalizar cunha festa infantil. O 4,5, 8 e 9 de maio achegamos o  Sanxenxo Fala aos centros educativos a través do teatro coa obra ‘Unha galaxia chea de letras galegas’. 

Os gatiños de Portonovo organizan o I Encontro de Labores, o día 6 de 17 a 21 horas, na Praza do Mercado. A Asociación Cultural Soalleira de Dorrón e o Concelllo presentarán o día 7 o tradicional Concurso de Música Tradicional Soalleira, que chega a súa V edición e pasa a ser un evento plenamente consolidado na programacion cultural de Sanxenxo e recoñecido  a nivel  autonómico  dentro dos festivais e concursos de música tradicional. Contará con exhibicións abertas ao público de 11 a 14 horas e de 16:30 a 20:30 horas no Auditorio de Emilia Pardo Bazán. Repartiranse 3.500 euros en premios.

O venres 12, Vero Rilo levará ao auditorio a narración oral ‘Re(amar), memorias do salitre’, ás 19 horas. Dorrón retoma, no entorno da Casa de Cultura, a  Festa da Ourella (13 e 14 de maio), con degustación de pratos tradicionais como ourella e churrasco. Haberá tamén actividades culturais e música.

O 17, Día das Letras Galegas, o acto institucional terá como protagonista á figura do homenaxeado este ano: Franscisco Fernández Del Riego, coa actuación de Abiñadoira na Praza de Pascual Veiga, ás 12 horas. Pola tarde, a Coral Polifónica Santa María Adina e os Gatiños de Portonovo celebrarán o Festival das Letras Galegas no CEIP  Portonovo.

O venres 19, ás 20 horas, terá lugar o obradoiro de música represaliada a cargo de Xurxo Souto, no Pazo de Emilia Pardo Bazán. O Garaxe Hermético realizará o obradoiro ‘A memoria histórica en viñetas’, os días 19 e 20 ás 18 horas, no auditorio.

O entorno da Capela da Lanzada acollerá nesta edición do Sanxenxo Fala unha das novidades da programación: ‘A Lanzada de Maio’, os días 20 e 21, cunhas xornadas de posta en valor do rito das Nove Olas e da  historia que ten este   este máxico lugar. A actividade dará comezo o sábado, ás 16 horas, cun mercado artesanal e a actuación de Airiños da Lanzada.

Durante a tarde haberá un contacontos infantil, un xogo de pista infantil, unha visita guiada dramatizada de Aturuxo Teatro e Úrsula Teatro, ‘O que viu o Cormorán’. Tamén se presentará o libro de J. Prieto. Como todos os anos nunha das actividades desta programación colaboran todos os grupos locais, así  a partir das 20:30 horas poderase gozar das danzas e música tradicional de lembranzas, Os Cruceiros, Os Gatiños e Soalleira.

Pola noite, ás 22:30 horas haberá unha representación das 9 olas, Cantos de Taberna co grupo Os Firrás e a partir de medianoite unha representación da queimada por Tatana Teatro. O domingo continuará a actividade pola mañá. Neste caso serán os actos relixiosos os que tomen o protagonismo, non faltando a música tradicional e de taberna con Airiñños da Lanzada, Abiñadoira e Retesías

O 21 de maio pecha a programación co Festival das Letras Galegas ‘+Que Cantigas’, ás 20 horas no Pazo do Revel.