E Piñeiro e Patiño volveron voar

A historia da aviación, no teatro ▶ Xerpo Producións rescata do esquecemento as vidas entrelazadas do Aviador Piñeiro e de Elisa Patiño, ambos pioneiros en surcar o ceo, poñendo énfase na particular historia dela, cunha reflexión sobre o legado histórico feminino. A obra estréase este sábado no Pazo Emilia Pardo Bazán con entrada de balde
Parte do equipo de Xerpo Producións durante a montaxe da obra. DS
photo_camera Parte do equipo de Xerpo Producións durante a montaxe da obra. DS

POUCAS historias foron contadas máis veces nos fogares de Sanxenxo coma as aventuras do Aviador Piñeiro e o seu empeño por conquistar o ceo a comezos do século XX, pasando á posteridade coma o ‘home paxaro’ galego. Todo un aventureiro, unha lenda da aviación e un heroe que pervive hoxe na memoria local.

Pero o certo é que Piñeiro non estaba só. No Sanxenxo de comezos do pasado século, unha intrépida muller voaba ao seu carón, segura de apostar por aquel feble invento que entón era o aeroplano de Piñeiro, ata que ela mesma voou soa. Elisa Patiño (1890-1919) foi unha grandísima pioneira galega. A primeira muller aviadora no Estado español, cuxas fazañas non chegaron a trascender tan notablemente coma as do seu querido instrutor e compañeiro. Sen embargo, a historia da súa amizade e destas vidas entrelazadas nunha posición tan pouco convencional na época, é a base da obra de teatro ‘Bailar o ceo’ que, da man de Xerpo Producións, estréase este sábado (21.00 horas, entrada de balde) no Pazo Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo, co obxectivo de rescatar as partes perdidas desta historia, reflexionando tamén sobre o legado das mulleres.

Á esquerda, o Aviador Piñeiro en Sanxenxo. DS
Á esquerda, o Aviador Piñeiro en Sanxenxo. DS

A obra teatral, interpretada a partir dun texto da autora e actriz Ana Abad de Larriva, gañadora dunha bolsa do Centro Dramático Galego (CDG), que é coprodutor da mesma, é, para a súa directora, Irene Moreira, unha oportunidade de dar a coñecer "este relato histórico que é un gran descoñecido en clave de país, e de axudar a tapar eses ocos históricos que temos na Galiza". De feito, lembra, "trátase da primeira obra teatral sobre a historia da aviación", na que enxalzar o importante feito de que José Piñeiro (1878-1927) foi o primeiro aviador galego é un dos grandes obxectivos, pero non máis importante que devolver o protagonismo perdido á figura de Patiño. Neste sentido, explica, "Elisa Patiño morre da gripe española con 29 anos e piñeiro cuns 50 anos. Hai máis información del que dela, e iso tamén o abordamos no teatro político. Por unha parte está esta cuestión cronolóxica pero, pola outra, tamén a sistemática, e precisamente isto é o que a min me ocupa e me preocupa transmitir con esta obra", conta. Por este motivo, asegura a directora, "debémoslle ao público presentar a afouteza de Elisa Patiño, que non só foi a primeira muller en voar. É que o avión de Piñeiro era de madeira e corda. Ela tivo a confianza e a valentía de subirse aí", di.

Para Ana Abad de Larriva, autora da obra, o fundamental é "a paixón que tiñan os dous. Piñeiro era un acróbata, unha persoa fascinante que non tiña medo. Cometía temeridades coma esta, pero non dende a inconsciencia, senón dende a paixón, porque quería que a xente sentira tamén aquilo, preocupábase polos demais. E ela era impresionante. Tocaba o violín, cantaba e era aviadora", explica. Sen embargo, destaca, "dela foi máis difícil atopar información e iso na obra tamén se visibiliza".

A PEZA. ‘Bailar o ceo’ está deseñada con tres principais eixos. O primeiro deles é a capa documental, onde o equipo pretende «transmitir a importancia do feito histórico», mentres que no segundo atópase o compoñente de ficción que permite imaxinar a amizade entre as dúas personaxes principais», segundo explica a directora da obra. Na mesma liña, un terceiro eixo simboliza "a poética, como abordamos ese desexo de voar da humanidade". Ademais, a obra, na que actúa a propia Ana Abad de Larriva no seu papel de autora, xunto con Cora Velasco, Rocío Otero e Álex Sobrino, conta tamén co característico compoñente tecnolóxico do equipo Xerpo, nun reto como é trasmitir o traballo co vento.

A peza, que levará no sucesivo a historia de Piñeiro e Patiño por toda a xeografía galega, conta con ter unha especial acollida en Sanxenxo, onde se forxou toda a historia dos seus protagonistas. "En Sanxenxo temos ganas de facer un coloquio ao remate. Queremos falar coa xente de alí, que nos conten a súa visión e que tamén nos retruquen", asegura Moreira.

DOCUMENTAL. Ademais de percorrer os escenarios de todo o territorio galego nas vindeiras datas, a historia do Aviador Piñeiro e de Elisa Patiño tamén quere dar o salto á pantalla. Deste xeito, o equipo de actores, xunto co Consello da Cultura Galega, porá en marcha un documental para plasmar nel as vivencias, lembranzas e a sabedoría popular acerca destas carismáticas figuras.