O Multiusos de Portonovo acolle a primeira reunión do programa Vacacións en Paz

▶ A ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharaui fai un chamamento ás persoas interesadas en colaborar a que acudan este xoves ás 19.30 horas, co obxectivo de potenciar a acollida no municipio
Chegada de nenos e nenas saharauis a Galicia. DP/ARQUIVO
photo_camera Chegada de nenos e nenas saharauis a Galicia. DP/ARQUIVO

Tras dous anos de paro a causa da Covid-19, a ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharaui retoma o programa Vacacións en Paz, que se leva a cabo en Galicia dende hai máis de 30 anos e consiste no acollemento de nenos e nenas que viven nos campamento de refuxiados saharauis para que pasen os meses de xullo e agosto na comunidade. Para todas aquelas persoas do municipio que estén interesadas en participar, o colectivo convoca unha primeira reunión este xoves, 16 de febreiro, entre as 19.30 e as 21.00 horas no Pavillón Multiusos de Portonovo.

O obxectivo, é que os cativos e cativas poidan pasar o verán afastados das altas temperaturas no Sáhara, que poden chegar a acadar os 50º á sombra. Precisamente, a presidenta de Sogaps, Maite Isla, sinala que, tras dous anos de paron pola pandemia, o reto para este ano pasa por traer este verán a 300 nenos e nenas de 8 anos que, por primeira vez, saian do campamento. 

"Xa contamos con 200 familias acolledoras e precisamos 100 máis. Sanxenxo leva anos colaborando, pero é a primeira vez que facemos a reunión no municipio e agardamos que veña moita xente a informarse para participar", asegura Isla. Neste sentido, en edicións anteriores, algunhas familias do municipio xa teñen colaborado co programa de acollida, se ben este ano, fomentar e motivar a acollida en Sanxenxo é un dos obxectivos.

O programa Vacacións en Paz preséntanse nun marco de solidariedade e axuda desinteresada coa fin de proporcionarlles unha estancia agradable e humanamente rica aos nenos e nenas saharauis nados nun clima de guerra, para que coñezan formas distintas de vida que contribúan á súa formación e tamén á comunicación e o entendemento co Pobo Saharaui. Moitos destes cativos e cativas estudan español na escola, polo que o idioma non adoita ser un impedimento para a comunicación coas familias de acollida, se ben a súa estancia será unha boa oportunidade para perfeccionalo e tamén unha ponte entre ambas culturas.