A memoria colectiva, entre cores e fotos

Exposición ▶ O Portonovo antigo e presente a través dunhas 3.000 fotografías. Así deu conta nos últimos dous días a mostra ‘Ollares na rúa’ da historia da vila mariñeira, transmitida pola sabedoría popular e tamén pola implicación da asociación Ollares de Portonovo, que escanea e recolle testemuñas orais para formar un xa abraiante arquivo local
 
A Festa Holi que tivo lugar durante a tarde deste martes no marco do programa de actividades que arrodea á exposición. OLLARES
photo_camera A Festa Holi que tivo lugar durante a tarde deste martes no marco do programa de actividades que arrodea á exposición. OLLARES

Por veces en branco e negro, e outras, chea de cor. Así viviu durante os dous últimos días a vila mariñeira de Portonovo toda unha festa da memoria colectiva, na que maiores e pequenos tiveron cadanseu xeito de achegarse á historia local das veciñas, da cultura, da tradición, dos fogares e da escola. Nin máis nin menos, isto é o que mostra a exposición Ollares na rúa que, nesta edición, xa logrou acadar as arredor de 3.000 fotografías expostas en O Espiñeiro, despois de que a cita e a súa programación aparellada, coma a concorrida Festa Holi, tivera que adiarse polas inclemencias meteorolóxicas.

Un momento da exposición en Portonovo. OLLARES
Un momento da exposición en Portonovo. OLLARES

Entre as máis antigas, instantáneas dos anos 30 e 40 do século pasado dan conta dun Portonovo cotiá xa moi afastado, pero real. Outras, dos anos 60 e 70, pertencen ao arquivo do CEIP de Portonovo, e amosan varias xeracións de estudantes entre as que a veciñanza se busca a si mesma e á súa ascendencia nos tempos da xuventude, coma unha das atraccións máis exitosas da mostra. E, entre os paneis con máis afluencia, non podían faltar os que son o orgullo da vila enteira: Los Álcar, Os Gatiños, a Asociación Cultural Lembranzas ou as equipacións do Portonovo. "O ano pasado comezamos a facer paneis temáticos, e son os que máis lle están gustando á xente", explica o presidente da asociación organizadora Ollares de Portonovo, Luis Dobarro, que dende hai anos impulsa esta iniciativa para conformar o que xa é un abraiante arquivo local. "O único problema que temos é a falta de tempo, xa que se trata dunha acción altruísta. e que dependemos da meteoroloxía. As fotografías que expoñemos ao aire libre están impresas en papel", explica. Por este motivo, un dos vindeiros obxectivos é imprimir nun material máis resistente algunhas das máis representativas. E o ánimo por facer o proxecto máis grande e mellor non queda aí. "Queremos estender a exposición a outros puntos do municipio, e estamos comezando a recompilar fotografías de Vilalonga e Noalla para poder facer alí as súas exposicións", conta, do mesmo xeito que xa se fixo coa vila de Sanxenxo, que o vindeiro luns 26 acollerá tamén a súa propia exposición da man de Ollares, cunhas 1.000 imaxes históricas da vila.

Un momento da exposición en Portonovo. OLLARES
Un momento da exposición en Portonovo. OLLARES

Por este motivo, cada exposición leva aparellado todo un taller de escaneado, para que calquera veciño ou veciña poida aportar in situ as súas fotografías antigas e levalas intactas para a casa. "Nesta exposición moita xente tamén nos pediu copias, e imos substituíndo as que conseguimos en mellor calidade", conta Dobarro. Pero non se conforma: "Agora gustaríanos facer un arquivo con datas e nomes, que imos recollendo a pé de rúa".