Mari Agís: "Soalleira estamos moi emocionados por ter esta oportunidade"

▶ A asociación sanxenxina de música e baile tradicional dá por primeira vez o salto máis alá da Península para levar a Ibiza o seu ritmo e vestiario
Soalleira durante unha actuación. DS
photo_camera Soalleira durante unha actuación. DS

Aínda que o auxe das redes sociais está a facer moito polas agrupacións tradicionais como é a sanxenxina Soalleira (Dorrón), nesta ocasión foi a palabra a que conseguiu cumprir o soño de facer un intercambio cultural máis alá das fronteiras da Península. "Foi un amigo do grupo que visitou Ibiza quen coincidiu co grupo anfitrión, faloulles de nós e pedíronlle o contacto. Nós xa fixeramos algún intercambio cultural, pero o máis lonxe que fomos foi Portugal. Habitualmente facémolos con outros grupos folclóricos todos os anos, de feito este xa levamos tres ou catro, pero dentro da comunidade galega. Nunca foramos tan lonxe nin tantos días e é a primeira vez que saímos da Península e tamén a primeira vez que imos a outro lugar de España. Estamos todos moi contentos e emocionados por ter esta oportunidade", asegura a presidenta do colectivo, Mari Agís.

E é que a data sinalada para actuar na XXI Mostra Folklòrica Ciutat D’Eivissa 2023 xunto a unha agrupación autóctona e outra de Miranda do Ebro está programada para o sábado 14. Pero a visita é, para o colectivo de Dorrón, que partiu cara o seu destino xa na noite do pasado mércores, moito máis. "É un gran acontecemento. Nunca puideramos facer isto antes porque para un grupo coma o noso supón un investimento económico moi grande e non tiveramos oportunidade", explica Agís, que forma parte dos 32 representantes sanxenxinos en Ibiza. A comitiva, formada polos grupos mozos e adultos do colectivo, terá 25 participantes na mostra, e é o perfecto broche de ouro a un ano que, para Soalleira, significou un completo ascenso.
 
"Levamos un verán que non paramos e aínda non imos parar, porque actuamos nas Festas da Vendimia de Dorrón, participamos en moitas festas, tivemos algunha voda e festivais ademais das actividades que organizamos coma a Muiñada", explica Agís, para quen "intentar organizar un intercambio hai anos moito máis preto de Galicia era unha odisea", polo que as redes sociais "facilitaron moito este tipo de tarefas, xa que temos grupos específicos de intercambios". Agora, con este gran paso, a Soalleira só lle queda continuar. "Queremos seguir así, e incluso nos gustaría chegar a Europa. Non nos pechamos a nada", asegura.