SOS Sanxenxo denuncia o traslado de citas pediátricas a médicos de familia

O persoal dos centros de saúde do municipio rexeita a medida lembrando que "os médicos de familia non son pediatras, polo que non contan con titulación nin, no caso do Centro de Saúde de Vilalonga, con infraestruturas"
Acción de protesta polos dereitos sanitarios e pediátricos no centro de saúde de Baltar. DS
photo_camera Acción de protesta polos dereitos sanitarios e pediátricos no centro de saúde de Baltar. DS

O persoal dos centros de saúde de Sanxenxo vén de denunciar ante a plataforma SOS Sanidade "unha práctica anormal na adxudicación de citas para nenos e nenas a médicos e médicas de familia de adultos, sen comunicación previa da directora asistencial". Neste sentido, tal e como informaron dende a entidade, "os facultativos dos centros de saúde consideran que se está creando o caldo de cultivo propicio para ocasionar conflictos entre os pais e nais e os médicos de familia".

Segundo fontes internas, esta acción levaríase a cabo por orde dun cargo dos PSX de Sanxenxo (Servizo de Baltar), coa finalidade de que se lle traslade aos proxenitores que os nenos e nenas menores de 15 anos serán atendidos polos médicos de Atención Primaria dos seus pais e nais.

Esta circunstancia atopouse coa negativa de varios facultativos ao "non existir comunicación escrita por parte da directora asistencial", e  tendo en conta que "os médicos de familia non son pediatras, polo que non contan con titulación nin, no caso do Centro de Saúde de Vilalonga, con infraestruturas para atender á poboación de curta idade". Segundo lembraron dende SOS Sanidade, a franxa de idade para a que están preparados os médicos de familia vai dos 15 anos en diante.

Ademais, os cupos de médicos de familia de baixa ou vacacións están sendo derivados aos médicos en activo, que "atenden entre 50 e 60 pacientes adultos diarios máis urxencias", mentres que no Centro de Saúde de Baltar existen dúas prazas de Pediatría, que tan só contan "coa promesa da cobertura dunha delas". "Os nenos e nenas teñen que ter unha atención sanitaria de calidade, polo que debe ser un médico pediátrico quen os atenda", manifestaron dende a Plataforma, criticando que "os xefes de PSX non teñen competencia sobre as actuacións profesionais dos facultativos".