O certame Gran de Area prevé reunir a un cento de asistentes en Sanxenxo

▶ Premia 16 obras arquitectónicas, entre as que se atopa a horta de Culler de Pau
Horta e invernadoiro en Culler de Pau no Grove. DS
photo_camera Horta e invernadoiro en Culler de Pau no Grove. DS

As Delegacións de Pontevedra, Vigo e Ourense do Colexio de Arquitectos de Galicia celebran este sábado, 25 de marzo, o acto de entrega de diplomas aos agraciados cos Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2022, evento que terá lugar ás 19.00 horas no Auditorio Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo (rúa Miraflores, 3) e ao que se prevé que asistan máis dun cento de persoas.

O evento, organizado este ano pola Delegación de Pontevedra do COAG, contará coa asistencia da decana do Colexio de Arquitectos de Galicia, Elena Ampudia, o conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña; a directora Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas; o director Xeral de Xustiza, José Tronchonio; a directora Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns; o director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), Jacobo Hortas; a deputada de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente da Deputación de Pontevedra, Iria Lamas; o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, xunto a varios membros do Goberno local, ademais doutros representantes de institucións públicas, Consello Galego de Aparelladores e Arquitectos Técnicos e da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña.

Este ano presentáronse 63 proxectos de moi diversas escalas e localizacións, e resultaron premiadas obras en A Estrada, Bueu, Celanova, Cerdedo-Cotobade, Gondomar, O Carballiño, Ourense, Ponteareas, Ponte Caldelas, Tui, Vilaboa, Vigo e O Grove, onde o recoñecemento será para o horto e invernadoiro do restaurante Culler de Pau.