Case 200 persoas asistiron á reunión informativa do BNG sobre os vaos permanentes

O Concello cancelou recentemente a medida por incongruencias na ordenanza, e debido ao elevado volume de alegacións presentadas ao respecto
Asistentes á charla informativa que tivo lugar en Noalla. DS
photo_camera Asistentes á charla informativa que tivo lugar en Noalla. DS

Preto de 200 persoas acudiron esta fin de semana á Casa Forestal As Canteiras de Noalla, para asistir á charla informativa impartida polo avogado Miguel Vieito, e organizada polo grupo municipal do BNG de Sanxenxo, co obxectivo de informar sobre o chamado decretazo a través do cal o Concello impuxo o pago de vaos permanentes non solicitados con carácter retroactivo desde xaneiro de 2020.

Se ben cabe recordar que o Concello cancelou a medida recentemente, por ter atopado incongruencias coa ordenanza actual, a raíz das numerosas alegacións presentadas, tanto o voceiro do BNG, Fran Leiro, como o avogado Miguel Vieito valoraron que a nova ordenanza que prevé aprobar o PP a principios de ano "ten a única vontade de seguir sacando cartos á veciñanza para pagar a política de cemento e a subida de soldos do Goberno do señor Martín".

Leiro fixo un balanzo moi positivo da charla, na que se achegou información sobre como realizar as alegacións, ao tempo que se deu resposta ás dúbidas formuladas por varias persoas afectadas. "O malestar da xente quedou patente nesta reunión, que congregou a uns 200 veciños e veciñas de Sanxenxo", informou Fran Leiro, que adiantou que a intención do BNG é continuar organizando iniciativas deste tipo no inicio de 2024. "É importante que a cidadanía estea ben informada e asesorada, porque sabemos o envío de cartas do ORAL para o cobro con carácter retroactivo só o pararon de xeito temporal. A nova ordenanza que o PP levará a Pleno en xaneiro terá a mesma vontade de sacar cartos á veciñanza", advirte o voceiro do BNG", dixo.