O BNG reclama medidas para mellorar a seguridade viaria da avenida de León

O voceiro nacionalista, Fran Leiro, advirte da necesidade de actuar no lugar
Avenida de León en Sanxenxo. DS
photo_camera Avenida de León en Sanxenxo. DS

O grupo municipal do BNG presentará no Pleno ordinario desteluns unha moción para instar á Consellería de Infraestruturas a que actúe na avenida de León, un tramo urbano da PO-308 no que "son moi necesarias medidas para garantir a seguridade viaria", tal e como advirte o voceiro nacionalista, Fran Leiro.

Non é a primeira vez que dende o BNG se alerta da situación de perigo que se vive nesta avenida, onde xa se teñen producido nos últimos meses varios accidentes de tráfico, consistentes sobre todo en colisións por alcance. "As institucións deben actuar a modo preventivo para evitar problemas e non facelo despois de que se produza unha traxedia", apunta Leiro, que vai máis aló ao sinalar que "un Goberno responsable tomaría medidas en puntos conflitivos coma este antes de que suceda unha desgraza".

Tal e como se especifica na moción, o BNG recolle as inquedanzas e queixas de varias persoas residentes nesta zona, para as cales "algo tan habitual como ir tirar o lixo pode supoñer un perigo". O exceso de velocidade, a falta de visibilidade e a mala iluminación son algunhas das carencias que presenta a avenida de León. "Non podemos esquecer que se trata dunha rúa céntrica, na que hai varios pasos de peóns. É necesario actuar para acabar coa situación de vulnerabilidade que experimentan cada vez que teñen que cruzar a estrada", salienta o voceiro nacionalista.

Durante o mandato anterior os nacionalistas presentaron unha moción solicitando a mellora da seguridade viaria nesta contorna, pero a proposta foi votada en contra polo Partido Popular. "Daquela o señor Telmo Martín xustificou o voto en contra dicindo que xa estaban a traballar para mellorar a seguridade, pero desde entón non se fixo nada, máis alá de recolocar algún contedor do lixo", finaliza.