O BNG presenta unha candidatura "equilibrada combinando experiencia e mocidade"

O partido nacionalista de Sanxenxo presenta a súa lista de candidatos para as próximas eleccións municipais do 28 de Maio encabezada por Francisco Leiro.
Foto grupal dos membros do BNG de Sanxenxo. DS
photo_camera Foto grupal da candidatura do BNG de Sanxenxo. DS

O BNG de Sanxenxo presentou a lista que representará a candidatura dos nacionalistas nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. Un equipo de 20 persoas (17 candidatos e 3 suplentes) no que se mesturan renovación e veteranía, mocidade e experiencia. Francisco Leiro, o número un da lista, subliña de este equipo: “o seu compromiso, honestidade e a súa capacidade de xestión, ganas e ilusión; un equipo preparado para gobernar e facer de Sanxenxo un concello centrado en mellorar a calidade de vida dos veciños”.

O candidato definiu o seu equipo como “unha candidatura equilibrada, feminista, con persoas formadas, capaces e con experiencia demostrada. Todos e todas temos unha gran vocación social, e sentímonos ilusionados e con gañas de traballar por devolverlle este concello aos seus veciños”. Francisco Leiro destaca que dende sempre o BNG é un grupo coherente, honesto, responsable e competente e que así seguirá a ser con el ao fronte.

Lista de candidatos
1. Francisco Leiro Duarte, de Portonovo, pai de dous fillos, enxeñeiro de telecomunicacións, con máis de 25 anos de experiencia. Resalta de si mesmo o seu firme compromiso co público e co benestar común. Compromiso adquirido despois de que sociedade (a Sanidade Pública e os doantes) lle salvaran a vida cun transplante. Defínese como unha persoa feminista, ecoloxista e de fonda conciencia social.
2. Tamara Castro Leiro, de Sanxenxo, técnica superior en asistencia a dirección, FP que cursou no IES Luís Seoane en Pontevedra, nai dun neno, e moi activa en asociacións do concello, como Abiñadoira da que é integrante dende que tiña sete anos.
3. Octavio González Fernández, de Vilalonga, autónomo dende hai 25 anos no sector da pintura e decoración, pai de xemelgas, sempre implicado na súa educación colaborado nas ANPA’s.
4. Estrella Martínez Varela, natural de Nantes asentada en Portonovo, traballa como funcionaria de limpeza no IES As Bizocas en San Vicente do Mar. Dende fai máis de 20 anos participa activamente na directiva de diferentes asociacións do noso concello como Asociación Cultural Andarela, Asociación Amigos da Dorna e a Asociación de Veciños de Portonovo.
5. Adrián González Prado, de Noalla, graduado pola Universidade de Santiago de Compostela e, posteriormente, especializado en Dereito do Traballo pola Universidade Autónoma de Barcelona. Actualmente traballa como asesor laboral e compaxina o seu traballo co estudo dunha oposición para acadar a Subinspección Laboral Escala Emprego e Seguridade Social.
6. Andrea Ucha Bouzada, de Dorrón, fixo o Ciclo Superior en Xestión Comercial e Mercadotecnia e Grao en Tradución e Interpretación pola combinación de galego-inglés-portugués. Colabora nun proxecto sobre a micro-toponimia da súa parroquia, Dorrón, e na Asociación Eco-Cultural Bateas.
7. Dora Gondar Bouzada, de Bordóns, estudou Química en Santiago, fixo un erasmus en Gales. Traballou como investigadora na USC, no Reino Unido durante unha estadía postdoutoral e nun centro do CSIC en Murcia. Na actualidade é profesora de secundaria.
8. Marcos Suárez Varela, de Vilalonga, pai de tres fillos, formouse como técnico superior de Restauración no mundo da hostalaría, onde exerce a súa profesión como xefe de cociña dende fai anos no noso concello.
9. Helena Vilas Viñas, de Nantes, traballou oito anos no mundo das telecomunicacións, mais as súas inquedanzas ían cara o sector biosanitario, polo que compaxinando o seu traballo co estudio facendo Técnica en Farmacia en Santiago de Compostela.
10. Anxo Telmo Rincón, de Baltar, estudou unha FP na rama da electricidade e mantemento de máquinas navais, traballa como operario de servizos no Concello de Meaño.
11. Vanesa Vidal Pita, de Aios, nai dun fillo, fixo o Ciclo Superior de Administración e Finanzas e actualmente traballa en Portonovo na Asesoría Cholo no departamento de Laboral.
12. Fátima Corbacho Esperón, de Sanxenxo, é Educadora Social pola Universidade de Vigo especializada en xénero na Universidade de Santiago de Compostela, actualmente traballa no ámbito de menores na cidade de Ourense.
13. Xoel Otero Telmo, de Baltar, rematou o Ciclo Superior de Administración de Sistemas Informáticos en Rede, actualmente está facendo o traballo fin de Grado en Enxeñería Informática na rama de Enxeñería do software. É membro da Asociación Amigos da Dorna da que formou parte da directiva.
14. Arturo Acuña Da Silva, de Sanxenxo, Licenciado en Economía pola Universidade de Vigo, na especialidade de Economía Pública. Atento á realidade social, política e económica do noso concello.
15. Rocío Garrido Caramés, de Gondar, estudou Informática de Xestión, pero preferiu adicarse á hostalería e a gastronomía. É autónoma, cociñeira, exitosa blogueira e autora de tres libros de cociña.
16. Perfecto Otero Domínguez, de Dorrón, pai dunha nena e un neno, encargado de mantemento. Amante da natureza e firme defensor do sector produtivo galego.
17. Sandra Fernández Agraso, de Vilalonga. Pechando a lista, está a actual portavoz do BNG e anterior candidata. Despois de 16 anos na formación nacionalista, e despois de facer un gran traballo como concelleira de Cultura e Educación, volverá a traballar no ámbito Sanitario. Manterá sen embargo intacto o seu compromiso co proxecto do BNG e prestará todo o seu apoio a Francisco Leiro.

 

Suplentes
1. María Dolores Aguín Martínez, de Portonovo, actualmente xubilada, traballou nunha conserveira.
2. Albino Caneda González, de Baltar, administrativo. Foi concelleiro do BNG dende o 2009 ao 2011.
3. Josefa García Martínez, de Portonovo, nai de trixemelgos, dependenta. Co- fundadora da Asociación Lembranzas de Portonovo