O BNG critica a suspensión do proceso de estabilización do persoal municipal

Os nacionalistas tildan de "chapuza sen precedentes" a decisión do Goberno local
(_LO_8716.JPG)  Salnes Casa Mariñeira de Portonovo 12 00h Presentacion de Fran Leiro candidato do BNG Estaran Ana Miranda e Montse Prado13536
photo_camera Fran Leiro, voceiro do BNG no Concello de Sanxenxo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O grupo municipal do BNG de Sanxenxo tilda de "chapuza sen precedentes" a decisión do Goberno local do PP de suspender o proceso de estabilización do persoal
municipal a apenas 3 días vista da celebración do exame, alegando ter atopado posibles anomalías que poderían dar a reclamacións no futuro sobre a estabilidade das prazas.

"É inaudito que se tome unha decisión desta magnitude a tan poucos días da realización da proba. Esta é unha nova mostra da pésima xestión do señor Telmo Martín", sinalou o voceiro nacionalista Fran Leiro. O edil advirte de que esta medida "afecta a centos de persoas que levan moito tempo preparándose para presentarse ao proceso, agora suspendido".

Desde o BNG consideran incomprensible que a paralización se produza a estas alturas, cando as bases foron publicadas en decembro do ano pasado. "O Goberno do PP tivo tempo suficiente para revisar posibles anomalías. É unha chapuza absoluta que o único que fai é xerar desconfianza cara un proceso que debería ser serio e xusto, algo que agora queda en tea de xuízo pola incompetencia do señor Telmo Martín", avisa Fran Leiro.

"Este tipo de situacións hai que xestionalas con seriedade e rigorosidade, garantindo a igualdade de oportunidades. Pero todo isto agora queda en entredito", engade.

Os nacionalistas esixen ao Partido Popular que xestione "con transparencia e claridade", algo que, lamentan, "cada vez é máis difícil ante a política de opacidade que promulga o señor Telmo Martín. Primeiro foi a decisión de expulsar á oposición dos consellos de administración das empresas públicas e agora isto".

"O obscurantismo co que actúa o alcalde é intolerable", conclúe Fran Leiro, que tamén esixe ao rexedor que aclare públicamente “como é que van a pedir informes técnicos agora, a tres días do exame. Acaso non se pediron todos os informes técnicos necesarios no seu momento, ou estase a actuar agora seguindo criterios políticos, o cal sería moi grave”.