Arredor de 200 fotografías mostran o Sanxenxo antigo en Pascual Veiga

Os veciños e veciñas aportaron centos de fotografías históricas do municipio nesta exposición
Instantánea do Aviador Piñeiro, presente na exposición. ARQUIVO OLLARES
photo_camera Instantánea do Aviador Piñeiro, presente na exposición. ARQUIVO OLLARES

A praza de Pascual Veiga foi o escenario que acolleu durante a xornada deste martes unha mostra de arredor de 200 fotografías pertencentes a Ollares na rúa, a exposición organizada pola asociación fotográfica Ollares de Portonovo, e que supoñen todo un percorrido polo Sanxenxo antigo.

A exposición, realizada en colaboración co Concello de Sanxenxo, mostra ao público paisaxes, retratos ou espazos emblemáticos do municipio, a través das instantáneas cedidas polos veciños e veciñas da localidade.

Deste xeito, o colectivo de fotógrafos leva á rúa un traballo que, tras dous anos de parón a causa da pandemia, agora está a disposición da veciñanza de xeito ampliado, coa inclusión dun recoñecemento a fotógrafos históricos de Sanxenxo. Se ben a choiva impediu celebrar os dous días de exposición anteriores, tal e como estraba previsto, a mostra estivo dispoñible durante a xornada do martes e serviu para que, aqueles veciños e veciñas que así o desexaran puidesen aportar as fotografías antigas das que dispoñan nos seus fogares ou arquivos particulares, que serán escaneadas co obxectivo de sumalas ao arquivo fotográfico histórico, así como ás vindeiras edicións da mostra Ollares na rúa, polo que, neste sentido, á exposición foi tamén un chamamento á recopilación da memoria colectiva municipal.

Na mostra, que se mantivo na praza de Pascual Veiga ata as 22.00 horas, puideron verse fotografías do municipio datadas de principios do século XX. Posteriormente, a exposición, que posúe carácter itinerante, trasladarase ao parque de O Espiñeiro, nunha edición de ‘Ollares na rúa’ que se celebrará os vindeiros 13 e 14 de xuño, e que incluirá fotografías da vila mariñeira.