Adina e Dorrón celebran este sábado os seus días grandes de festas con verbenas e degustacións

Os festexos na honra de San Miguel en ambas parroquias e a Festa da Vendima de Dorrón corren a cargo das orquestras Olympus, Los Player's, Fama e Arena

Dorrón celebra a Festa da Vendima. DS/ARQUIVO
photo_camera Dorrón celebra a Festa da Vendima. DS/ARQUIVO

Tras unha xornada festiva inaugural en Adina e Dorrón este venres, coa Festa da Xuventude en primeiro lugar e a Prevendima no segundo caso, ambas parroquias sanxenxinas celebran este sábado os seus respectivos días grandes na honra de San Miguel e, concretamente, a coñecida Festa da Vendima no caso de Dorrón.

Precisamente, en Dorrón, os actos festivos retómanse a partir das 9.00 horas, coa alborada a cargo da charanga Alambique, que dará paso á misa solemne na honra de San Miguel (13.00 horas), e tras a que haberá unha segunda actuación. A partir das 22.00 horas, terá lugar o punto álxido da xornada, coa apertura do barril de viño e degustación de rosca gratis, acompañada da verbena no campo de fútbol de Dorrón, amenizada polas orquestras Olympus e Los Player’s. Dende as 00.30 horas sortearase o barril do viño e outras sorpresas.

En Adina tamén haberá pasarrúas, misa (12.00) con procesión e sesión vermú e, pola noite, a verbena correrá a cargo da orquestra Fama de Vigo e o trío Arena (21.30 horas). Os festexos continúan este domingo coa festa da Virxe do Rosario con música e degustacións de orella, callos e empanada.